Vilagarcía disporá de 400.000 euros do plan de mantemento da Deputación para catro obras
O goberno local investirá en catro obras os 400.000 euros que lle corresponden do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestructuras Municipais da Deputación de Pontevedra. Os proxectos, xa aprobados, corresponden á reforma e acondicionamento do Piñeiriño, a humanización da rúa Ramón e Cajal e parte da de Arapiles, a iluminación exterior de edificios municipais e unha alternativa de tráfico na contorna do recinto feiral de Fexdega.
No primeiro caso, o do parque do Piñeiriño, cun presuposto de algo máis de 99.000 euros, trátase dunha actuación moi demandada polos veciños e consiste na creación dunha rampla de acceso, eliminación de muros infraconstruídos, restauración e acondicionamento de valados e celosías metálicas, ampliación da zona de xogos infantís e restauración e reforzo de muros e bancadas na zona da pista deportiva.
A humanización da rúa Ramón e Cajal, dende o xardín de Ravella e a avenida de Juan Carlos I, ademais dun tramo de Arapiles, confluente coa primeira, vén dada pola recente modificación de tráfico rodado que afectou a Gumersindo Nartallo. Deste xeito, Ramón e Cajal e a mitade de Arapiles pasan a ser peonis e do que se trata é de harmonizar esa nova condición das rúas coa contorna, xa peonalizada. O orzamento acada os 104.000 euros.
A mellora da iluminación exterior de edificios municipais afecta a tres elementos característicos da arquitectura da cidade: a casa consistorial, a casa da cultura e o auditorio municipal, que deste xeito terán iluminación led no seu exterior. O presuposto é de 85.000 euros.
Por último, a alternativa de tráfico en Fexdega consiste en reordenar os accesos, creando un novo dende As Bocas, e na retirada das baldosas da parte dianteira da zona verde, de xeito que se ordene no seu conxunto a ampla explanada de aparcamento, que tamén será pintada para unha mellor distribución dos espazos. O custe da actuación é de 111.500 euros.











