Vilaboy Lois declara nos xulgados de Lugo por unha conversa telefónica co delegado de Vendex
José Manuel Vilaboy Lois, persoa que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, identificou como interlocutor do delegado do Vendex nunha chamada telefónica intervida por Vixilancia Aduaneira, chegou na tarde deste mércores aos xulgados de Lugo para declarar como testemuña.
Ao redor das 15.50 horas Vilaboy Lois entrou aos xulgados de Lugo sen facer declaracións aos medios. Durante a tarde declarará como testemuña ante a xuíza Pilar de Lara, que instrúe a Operación Pokémon.
O alcalde de Ferrol foi chamado a declarar como imputado o pasado mes de xuño ante Pilar de Lara despois de que Vixilancia Aduaneira identificase como súa a voz de ‘Josman’, que aparecía nunha conversación co delegado de Vendex en Galicia, José María Titor, sobre o cobro de 3.000 euros. Con todo, o rexedor asegurou que esta atribución era un “erro” e identificou a Vilaboy Lois como o interlocutor de Titor.
Aínda que Vilaboy Lois comparecerá este mércores ante De Lara, será unha proba pericial fonométrica a que deberá determinar se a voz do interlocutor con José María Titor é este colaborador do PP de Ferrol ou o propio rexedor, José Manuel Rey Varela, como sostivo Vixilancia Aduaneira.











