Vigo é o primeiro porto de España en tráfico de granito
O tráfico de granito elaborado no Porto de Vigo superou nun +27% ao tráfico de granito en bruto no primeiro semestre do ano. Así o confirmou esta mañá en rolda de prensa o Presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, onde estivo acompañado polo Presidente do Clúster do Granito. Guillermo Pérez Aboy.
Segundo informou o máximo responsable portuario, o tráfico de granito elaborado creceu dunha maneira considerable respecto ao ano 2009, ao pasar das 72.000 toneladas rexistradas fai cinco anos ás máis de 207.000 de 2013.
Segundo afirmou o máximo responsable portuario, trátase dunha tendencia que tamén se mantén no último semestre do ano, no que o Porto de Vigo moveu un total de 124.700 toneladas de granito elaborado, fronte ás 102.000 toneladas movidas no mesmo período do exercicio anterior.
Así mesmo, indicou, o tráfico de granito elaborado no Porto olívico supera en preto dun 27% ao tráfico de granito en bruto no acumulado até xuño, que foi de 94.700 toneladas (fronte ás 124.700 toneladas do granito elaborado).
En canto ao valor industrial desta mercadoría, López-Chaves destacou que este se multiplicado por dous respecto ao ano 2009, pasando dos 67 millóns de euros dese ano aos 135 millóns de euros en 2013, debido, entre outras cousas, ao incremento de tráfico do granito elaborado, que xa supera ao do granito en bruto.
Por todo iso, Vigo continúa liderando o tráfico de granito a nivel nacional. Trátase, en palabras de López-Chaves, “dun dos tráficos máis importantes para o Porto de Vigo”, polo que, recalcou, “queremos seguir sendo a plataforma loxística de entrada e saída de granito en bruto e elaborado”.
Estes datos, explicou, son consecuencia do esforzo que fixeron nos últimos anos as empresas do sector, polo que quixo felicitar ao Clúster do Granito por esta evolución que, segundo valorou, “era algo impensable fai 7 ou 8 anos”. “Agora, desde o Porto de Vigo exportamos preto do 99% do granito elaborado, o que implica maior valor engadido, maior creación de emprego e unha crecente aposta polo I+D+i”.
Referente en España
Pola súa banda, o Presidente do Clúster do Granito, Guillermo Pérez Aboy, incidiu na importancia do Porto de Vigo como referente na entrada de granito en España e, neste sentido, explicou que o sector do granito galego xa representa o 80% do total do sector a nivel nacional, mentres que o Porto de Vigo converteuse na “referencia loxística” tanto de entrada de granito en bruto como de saída de granito elaborado.
Segundo explicou, o sector do granito galego sitúase na quinta posición do ranking mundial, xusto por detrás de países como China, India, Brasil e Italia. “Trátase dun sector eminentemente exportador e que, a peche de 2013, rexistrou cifras de exportación en valor monetario de niveis de precrisis”.
“Estamos moi satisfeitos coa evolución que tivo o sector na súa internacionalización e creemos que a ferramenta fundamental para tratar de compensar a caída da demanda interna pasa pola exportación”, valorou, e, neste sentido, afirmou que principais países importadores desta mercadoría son Europa (á que se exporta un 60% desta mercadoría), América (cun 20%), onde destaca especialmente EE.UU, África (20%) e Asia (10%).
Así mesmo, asegurou que o sector está a envorcar o seu esforzo en exportar a aqueles países nos que a actividade construtora tamén está a crecer, como é o caso de Turquía, México, Arabia Saudita ou USA, e “isto non sería posible sen a implicación da Administración, os axentes sociais, os sindicatos e a patronal” que “traballaron moi aliñados para que o sector puidese evolucionar”, polo que “temos que seguir traballando neste sentido”.
Neste sentido, destacou que a presenza do Porto de Vigo, próximo ás concas mineiras e con rápida conexión con África, Brasil e Norte de Europa, permitiu resistir ao sector granitero en Galicia. Un sector que, actualmente, está a crecer e xerando emprego.











