Vigo converterase na capital do piragüismo galego coa Copa Sipre de kaiak de mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+

Vigo converterase este venres na capital do piragüismo galego coa celebración da Copa Sipre de kaiak de mar que se disputará en Bouzas coa organización do Kaiak Vigo e a Federación Galega de Piragüismo. Ademais da regata para os deportistas, tamén haberá unha proba popular. Desde o dez da mañá, os responsables do club vigués estarán en Bouzas para atender a todas aquelas persoas que queiran probar esta modalidade deportiva, tanto adultos como mozos.

A regata iniciarase ás cinco da tarde e terá un percorrido costeiro de ida e volta até a illa de Toralla. Na mesma espérase unha gran presenza de padexeiros, algo que é habitual neste tipo de regatas. A proba de Vigo é a quinta da tempada e está destinada ás categorías de xuvenís, sénior e veteranos.

As clasificacións nas distintas modalidades están moi apertadas e restan por disputarse só dúas regatas para que termine a tempada. Esta quinta proba da campaña pódese considerar como decisiva, tanto na especialidade de kaiak de mar como na de padel surf, que tivo un gran éxito desde a súa implantación.

O Kaiak Vigo tamén fomentará durante todo o día a práctica do piragüismo con diversas actividades destinadas a persoas de todas as idades. O club pon a disposición dos interesados a posibilidade de realizar unha proba coas embarcacións. Para iso é necesario acudir á praia de Bouzas o venres desde o dez da mañá.

O Kaiak Vigo posúe unha canteira de novos valores e ten como un dos seus grandes obxectivos o poder aumentala para a próxima tempada. O club vigués atópase en pleno proceso de crecemento.

24 de xullo de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.