Víctor Galego e Leticia Fernández conseguen o Trofeo Cidade de Pontevedra Memorial Celso Mariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Entrega de premios

Entrega de premios

Celebrouse nas pistas de atletismo do CGTD de Pontevedra, o XXI Trofeo Cidade de Pontevedra de atletismo, XVII Memorial Celso Mariño; que contou coa presenza de máis dun centenar de atletas nas 17 probas celebradas.

A Sociedade Ximnástica de Pontevedra, grazas ao patrocinio do Instituto Municipal de Deportes, organizou a súa terceira competición en pista da tempada e viu como até 10 dos seus atletas conseguiron vitorias parciais.

Como sempre entregouse un trofeo á mellor marca da competición que levou en homes, o ximnástico Víctor Galego, grazas a un lanzamento de 52,16 metros co disco e en mulleres, a atleta da Ría Ferrol, Leticia Fernández pola súa marca en 800 metros de 2.10.41.

Ademais Leticia fixo marca persoal, noutra proba, os 400 metros, onde se impuxo con 58.45.

O resto de triunfos da Ximnástica foron para Darío Costas, nos 200 metros, Jorge Puig nos 800 metros, Fernando Rial e Lucía Cardesín nos 600 metros cadete, Sandra Carballo no hectómetro, Elvira Okutu no salto de lonxitude, Ángeles Filgueira no lanzamento de xavelina, o equipo de substitución da Ximnástica, formado por Darío, Alfonso, Jorge e Anxo, no 4×100 e Carlos Ferrer no lanzamento de disco veterano de maiores de 50 anos, onde ademais con 41,29 e por tan só tres centímetros, fíxose co record de Galicia da categoría.

As outras vitorias foron para Manuel Furtado do New Balance nos 3.000 metros, Martín Liste, do Atlético A Silva no disco júnior, Esther Navarrete do Feminino Celta nos 3.000 metros femininos e Andrea González do Millaraio na xavelina cadete.

 

3 de xullo de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.