Verín acolle o curso ‘Iniciación á análise sensorial. Cata de viños galegos’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Os días 29, 30 e 31 de xullo, 01, 04 e 05 de agosto terá lugar en Verín a realización do curso ‘Iniciación á análise sensorial. Cata de viños galegos’, organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), coa colaboración do Concello de Verín, PCT Puertas de Galicia, D.O. Monterrei e Instituto Galego de Calidade Alimentaria, entre outras entidades.

Este curso, de carácter gratuíto, impartirase na nova sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei situada na avenida Luis Espada nº 73 (Verín). Os obxectivos do mesmo son aprender o mecanismo das catas (ferramentas e desenvolvemento), coñecer os viños das denominacións de orixe galegas en base ás características organolépticas dos mesmos, achegar aos/ás alumnos/as ás peculiaridades dos viños producidos baixo o amparo da D.O. Monterrei e valorización da riqueza sensitiva dos viños de Galicia e comparación con outras zonas de España.

O curso ‘Iniciación á análise sensorial. Cata de viños galegos’ está destinado un máximo de 30 participantes (persoas interesadas en formase como catadores -elaboradores, hostaleiros, consumidores, estudantes de enoloxía e todas aquelas que teñan relación co mundo do viño-), e durante o mesmo impartiranse cuestións como “A Denominación de Orixe Monterrei: estado actual e perspectivas futuras”, “A cata de viños: mecanismos da cata, os sentidos. Novos conceptos na elaboración de viños brancos”, “O vocabulario da cata: as fichas de cata. O equilibrio na viña, aromas no viño. Recoñecemento de aromas”, “Os defectos no viño: descrición e mecanismos de aparición”, “O viño tinto en Galicia: elaboración e influencia na cata” ou “O servizo do viño. O viño na hostalería. O recoñecemento do valor do viño. A importancia dos sumilleres”.

Os/As interesados/as en participar nesta acción formativa deberán inscribirse, antes do 24 de xullo, a través de: Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Fax 988-488191 ou correo electrónico evega@cesga.es) ou Consello Regulador D.O. Monterrei (info@domonterrei.com), facendo constar nome e apelidos, DNI, dirección postal, correo electrónico e profesión.

18 de xullo de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.