Verín acolle o concerto de Supersandwich e Comando Katana na Batucada
O sábado 26 de xullo, a partir das 23.30 horas, as prazas García Barbón e Maior acollerán os concertos de Supersandwich e Comando Katana, enmarcados na dentro da programación dunha nova edición da Batucada de Verín.
Supersandwich é un grupo coruñés que se encadra no funky. A Verín chega na xira que están facendo por diversas cidades e vilas peninsulares do o seu primeiro disco, titulado co nome do grupo. No ano 2007 foron os gañadores do 1º Concurso N´Saio no Camiño. En 2005 editaron a súa primeira maqueta da que venderon 2000 copias. Os concertos de Supersándwich son unha auténtica festa, con hora e media do funky máis bailable e discotequeiro.
Mentres que Comando Katana é un grupo de rap e ragga, variante do reggae na que -de modo similar ao rap- o sampling ocupa un rol prominente. No ano 2009 publicaron o seu primeiro traballo Desde antes hasta ahora, con 14 cortes. O grupo ten actuando xunto a artistas como Nach, Sho-Hai ou Hermano Ele; pasando por algúns dos festivais máis destacados do xénero hip-hop, como Hipnotik, Microfest ou Reggeboa. O directo de Comando Katana ofrece rapeos trepidantes, tempos medidos ao milímetro e actitude a raudais.
Estas dúas actuacións están organizadas polo Concello de Verín e patrocinadas en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño. As mesmas se inclúen dentro das actividades previstas para a Batucada, que se inicia o 25 de xullo, a partir das 17 horas, con inchables infantís e xogos aptos para todas as idades, e actuación de Disco Móvil Jorge na praia fluvial de Verín. Ás 22 horas, na praza García Barbón, música a cargo de John Axiom Live, Clode, London B2B Jonan e MartinezKrlos. E xa o sábado 26 de xullo, ás 16 horas terá lugar a Festa da Auga e a Escuma nas prazas Maior e García Barbón de Verín, con animación musical con Jorge e Vidal López (Cadena 100), xogos e moitas sorpresas. Ás 19 horas, comezará a Ruta da Batucada, coa participación das batucas Pomdart e Ipum e a charanga Fuego, que percorrerán a rúa Maior, praza do Rei, avenidas Luis Espada e Portugal, rúas Montemaior, Laureano Peláez e Irmáns Moreno ata o Pavillón Municipal de Deportes de Verín.











