publicidade hoxe

Usuarios da asociación Adisbismur navegan no veleiro adaptado Laion

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuros
A-
A+
Bautismo de mar en Muros

Bautismo de mar en Muros

Ata o xoves, 17 de xullo, dende Marina Muros, persoas con discapacidade usuarias do centro de recursos Valadares da Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) van embarcar no veleiro Laion para realizar unha travesía pola ría, onde aprenderán nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós mariñeiros e tamén, poderán aprender o manexo do temón.

Os embarques serán no día de mañá ás 11:00 horas e ás 16:00 horas e as travesías pola ría terán unha duración de tres horas.

A navegación do Laion forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que organiza cada verán a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), que ten en garda e custodia o veleiro dende o ano 2002, cando a Audiencia Nacional llo requisou ao narcotráfico.

Nesta edición o proxecto GAVEA vén de participar na primeira Travesía Náutica Xacobea, organizada por ASNAUGA xunto con Turismo de Galicia para conmemorar o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Nesta travesía participaron barcos do norte de Europa e da costa Cantábrica ademais de dúas goletas, realizando unha ruta polos portos de Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Riveira e Cabo de Cruz.

Unha vez rematada a actividade en Muros o Laion porá proa a Camariñas para continuar a súa actividade estival; e participará o vindeiro mes de agosto na Regata S.A.R. Infanta Elena en A Coruña.

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo gobernar o barco a calquera persoa.

16 de xullo de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.