Uns 90 scouts madrileños gozan da natureza en Naraío

Grupo de scouts madrileños
Riolimpo -en Naraío- é desde hai catro anos o lugar elixido polo grupo scout Hércules 283 para levar a cabo os seus campamentos de verán. Alí teñen unha parcela de 6.000 metros cadrados situada ao pé do río Castro pola que pasan centos de rapaces e rapazas entre xullo e setembro. O “Narahío: recuncho scout”, que é como eles denominan a zona, foi o primeiro centro scout de España con carácter ambiental. Agora outros grupos escultistas do Estado elixen Naraío para as súas actividades. E o caso dos Guías da localidade madrileña de Torrelodones. Son 75 rapaces e rapazas con 15 monitores que pasan a segunda quincena de xullo vivindo co mínimo en plena natureza.
Os Guías de Torrelodones están organizados en tres grupos de idades, os máis pequenos -de 6 a 8 anos- pertencen ao grupo “Arco Iris”, os de entre 8 e 12 anos son os “Alitas”, de 12 a 15 pasan denominarse “Guías” e os maiores, os de entre 15 e 17 anos chámanse “Fuegos”. A coordinadora do campamento, Alba Sanz, explica que a asociación Guías de Torrelodones traballa durante todo o ano coa rapazada e non só durante a época de campamentos. “Todos os sábados temos dúas horas de actividades”, asegura a monitora que, ademais, é presidenta da entidade. “Traballamos cos rapaces valores como o respecto á natureza, a solidariedade, o compañeirismo, o compartir e o vivir cos mínimos recursos”. “Queremos que sexan autosuficientes -prosegue Sanz-: lavan a súa roupa, fan a súa comida… é unha aprendizaxe que non lles ensinan na escola e que despois aplican na casa”.
Todas estas ensinanzas adquírense dentro dun programa estricto e adaptado a cada idade. Así, os cativiños fan actividades de descubrimento da natureza, como poden ser obradoiros para identificar as pegadas dos animais ou as distintas especies vexetais que hai pola zona. “Aos nenos chamáronlles moito a atención as babosas, nunca as viran tan grandes”, asegura a coordinadora, para quen o enclave de Naraío “é marabilloso” en contraste coas paraxes ocres de Ávila, onde desenvolven habitualmente os seus campamentos.
Os grupos maiores, os comprendidos entre os 8 e os 17 anos, atrévense con saídas polo contorno máis esixentes e máis lonxanas e dificultosas canto maior é a idade. As camiñadas de varios quilómetros e as pernoctas ao raso son habituais. Mesmo teñen que botar o día manténdose co que van atopando polo camiño e orientarse no terreo coa única axuda dun mapa e un compás. Porén, todo está controlado. “Os monitores fan previamente as rutas e xa sabemos de antemán que recursos hai dispoñibles, que plantas poden comer, etc.”, explica Alba Sanz. Por se fose pouco, o grupo conta coa asistencia permanente dun equipo sanitario dotado dunha enfermaría de campaña que na maior parte dos casos só ten que atender vexigas e pequenas rabuñaduras.
Malia que Naraío é o campamento base, o programa ten un alcance comarcal. De feito nos últimos días os distintos grupos andiveron por Igrexafeita, A Capela e Mugardos relacionándose tanto coa natureza como coa xente, que sempre ofrece un importante apoio loxístico. En Igrexafeita, por exemplo, o que ía ser unha noite ao fresco diante da igrexa converteuse en algo máis de comodidade ao ofrecerlles a asociación de veciños Adiante o seu local social para durmir e asearse.
Unha colaboración que é recíproca, posto que o campamento ten posta para o día 28 unha xornada de traballo coa comunidade na que os grupos sairán á procura de labores cos que devolver en certa medida a boa acollida e a axuda que lles prestan os veciños. Ese día en Riolimpo, en Vilarbó, na Longra, nos Foxos, no Piñeiro e na Vila estarán de noraboa, xa que terán ao seu servizo unha rolada de nenos e mozos voluntariosos con ganas de facer calquera cousa na que poidan botar unha man.
Meter a leña, apañar patacas -se valen-, enciñar herba seca, son labores que os scouts da asociación Guías de Torrelodones se prestan a facer gustosos e sen pedir nada a cambio. Pena que só sexa un día e que o grupo volva para Madrid o día 30. Con todo, o primeiro de agosto entra outro tamén procedente desa comunidade que botará ata mediados de mes.











