Uns 90.000 socios agrupados en máis de 1.200 cooperativas celebran na Coruña o Día do Cooperativismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Encontro de cooperativismo

Encontro de cooperativismo

As cooperativas galegas celebran hoxe e mañá a súa efeméride no Centro Ágora (A Coruña). Os actos de conmemoración do “Día do Cooperativismo” reunirán a centos de profesionais procedentes de toda Galicia que porán en valor o seu importante papel no desenvolvemento económico e social da Comunidade. Así o amosan os datos, en Galicia existen máis de 1.200 cooperativas que agrupan a 90.000 socios e crean un total de 18.650 postos de traballo directos.

Baixo o lema elixido este ano ‘Cooperativismo: sostibilidade e innovación social’ analizaranse as posibilidades de emprendemento e creación de emprego no eido do cooperativismo social. Farase especial fincapé nas oportunidades de actuación que ofrece a fórmula cooperativa para articular a prestación dos servizos sociais nas súas distintas modalidades: asociando ás persoas traballadoras e aos usuarios para autoxestionar os servizos que precisan, así como investigando e apostando por novos métodos de intervención social.

Para afondar no modelo social das cooperativas, o Consello Galego puxo en marcha a organización dun encontro técnico previo ao Día do Cooperativismo co obxecto de analizar as potencialidades do cooperativismo na organización e prestación de servizos sociais a través de relatorios divulgativos e específicos. A xornada terá lugar ao longo do día de hoxe nas instalacións do Centro Ágora.

Este encontro está dirixido a cooperativistas, emprendedores, técnicos e responsables da prestación de servizos sociais das administracións local e autonómica. Varias cooperativas de axuda social procedentes de diferentes puntos de España (Barcelona, Asturias, Valladolid, Madrid ou Bizcaia) e Portugal (Oporto) exporán o seu modelo de éxito e compartirán a súa experiencia. Mostrarán cómo a fórmula cooperativa favorece a creación de iniciativas empresariais para a atención á infancia, aos maiores ou para a integración social (centros de día, vivendas tuteladas, comunidades de maiores….).

Un modelo moi arraigado en Galicia

O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou hoxe este encontro e lembrou que as cooperativas son un modelo empresarial “especialmente resistente á crise” e moi arraigado en Galicia. Para apoialo, o departamento autonómico ten diversas liñas de colaboración en materia normativa e de axudas directas.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, referiuse durante a xornada á importancia da innovación social. Neste sentido, considerou que “xoga un papel clave no proceso de adaptación e nas reformas dos estados de benestar no marco da estratexia Europa 2020”.

Indicou que unha das innovacións que se impulsa desde a Consellería é un novo modelo de presentación de servizos sociais que permita habilitar, deseñar e combinar recursos á medida das necesidades das persoas para conseguir unha atención máis ampla, diversa e innovadora”. Trátase do modelo de carteiras de servizos, que abarcarán as áreas de dependencia, persoas con autonomía, familia e infancia, e inclusión.

Mañá celebrarase a gala de entrega dos galardóns anuais ao cooperativismo cos que se premia o impulso e o fomento da cultura cooperativa dentro de Galicia e que recoñecen o labor destas empresas na economía rexional e que contará coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

Nesta edición, o premio ao mellor proxecto cooperativo recaeu nas sociedades cooperativas galegas O Canto da Balea (Carnota) e a Cooperativa de cine e documental (A Coruña). O galardón á promoción do cooperativismo acadouno a entidade Santa María do Val (Narón) e o premio aos valores cooperativos é para a empresa Amegrove (O Grove).

4 de xullo de 2014 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.