Uns 70 menores participan na ludoteca e no campamento de verán “Aventura Ferrol”
Os concelleiros de Igualdade e Xuventude e de Zona Rural, Verónica Casal Míguez e José Polo Veiga, respectivamente, visitaron esta mañá aos menores que durante estas datas de verán participan na ludoteca de Esmelle e o campamento de verán de Covas “Aventura Ferrol”. Un total de 40 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, pertencentes a todas as parroquias da zona rural de Ferrol participan no local veciñal de Esmelle en diferentes actividades lúdicas e de animación. Así mesmo, o campamento “Aventura Ferrol” conta cunha trintena de mozos/as de entre 12 e 17 anos. Ámbalas dúas propostas da Concellería de Igualdade e Xuventude teñen lugar dende o 14 de xullo e se prolongarán ata o 14 de agosto.
Casal Míguez avanzou que a ludoteca de Esmelle e “Aventura Ferrol” ampliará o número de prazas dispoñibles para a vindeira edición así como o tempo de duración debido ao bo funcionamento dos mesmos. Así mesmo, a titular de Igualdade e Xuventude lembrou que estes campamentos de verán teñen un especial carácter conciliador da vida familiar e laboral “xa que a franxa horaria ampliouse para se adaptar ao horario laboral dos pais, dando comezo ás 8:30 e rematando ás 14:30 horas”, recalcou.
A ludoteca de verán de Esmelle está enfocada tamén ao fomento da Igualdade entre os máis pequenos con actividades como aprender a poñer a mesa ou facer a cama. Así mesmo, tamén realizan talleres de manualidades e de inglés, entre outros. En canto ao campamento “Aventura Ferrol”, os mozos e mozas realizan rutas de senderismo para coñecer muíños da zona de Covas, visitan apiarios, participan na limpeza de ríos ou aprenden a construír cabanas.
Outros campamentos de verán
A edil Verónica Casal lembrou que este é un dos tres campamentos gratuítos que ten en marcha o Goberno Municipal para a tempada estival, xunto co “Planeta Verán”, que ten lugar no Centro Cultural Carvalho Calero; e “Babyocio” que ten como sede as instalacións municipais da Casa da Xuventude.
Neste senso, a titular de Igualdade e Xuventude informou que se atopan dispoñibles prazas para o mes de agosto no campamento “Planeta Verán” dirixido a menores de 7 a 12 anos. Os interesados deben apuntarse no Rexistro Municipal do Concello de Ferrol.











