Uns 400 deportistas disputarán o XIV Triatlón Cidade de Ferrol
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o “XIV Triatlón Cidade de Ferrol” que se celebrará o vindeiro sábado 9 de agosto no peirao de Curuxeiras. A edil ferrolá estivo acompañada polo presidente do Club Triatlón Ferrol, José Antonio Formoso Pita, entidade organizadora do evento deportivo que conta co patrocinio do Concello de Ferrol.
Susana Martínez explicou que esta proba forma parte do Circuíto Galego de Triatlón “e é todo un referente do triatlón en Galicia”. Así mesmo, tamén se disputará unha proba popular de carácter aberto e na que poderán participar todos os deportistas que os desexen, estean ou non federados; e outra de categorías menores para nenos e nenas ata cadete. Máis polo miúdo, nas categorías benxamín e alevín disputarase un acuatlón en formato de natación e carreira, que recibe o nome de “Nada e Corre”.
Pola súa banda, José Antonio Formoso Pita, quixo agradecer a colaboración da Concellería de Deportes “que sempre recoñece a labor que realiza o noso equipo”. Preto de 400 deportistas de toda Galicia se darán cita nesta nova edición do “Triatlón Cidade de Ferrol” que dará comezo ás 15:20 horas. O presidente do club ferrolán explicou que despois da proba a Asociación de Veciños Ferrol Vello realizará unha xuntanza con churrasco ou sardiñas que contará coa actuación de “Charanga la Nuestra”. Ademais, durante a competición terá lugar unha recollida de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica.











