publicidade hoxe

Uns 300 veciños asistiron ao festival de clausura da Escola de Música de Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Festival de clausura do curso

Festival de clausura do curso

Unha vez finalizado o curso, e como vén sendo tradicional, os alumnos da Escola de Música de Arcade subíronse ao escenario para demostrar os dotes e coñecementos adquiridos durante estes meses de duro traballo. Nesta ocasión foron os xardíns do edificio Multiusos os que albergaron un concerto no que un total de corenta músicos fixo as delicias de máis de 300 veciños no Festival de Clausura da Escola de Música de Arcade.

Todos os estudantes, desde os máis pequenos até os máis maiores, quixeron participar no tradicional acto de clausura do ano académico para, así, mostrar aos seus familiares e amigos todo o que aprenderon durante o curso.A exhibición comezou coa interpretación de varios temas clásicos a cargo da Banda Xuvenil. Unha auténtica orquestra de cámara que se encargou de encher a contorna do multiusos desde as beirarrúas da ponte sobre a vía do tren até os balcóns dos edificios contiguos, onde moitos veciños sumáronse ao festival desde a comodidade das súas casas.

A continuación, divididos en duetos, tríos e cuartetos ademais das demostracións individuais, os alumnos foron saltando ao escenario para interpretar diferentes pezas, algunhas de gran dificultade como o cuarteto de vento clásico de Hayden. Ao final, coa interpretación da Banda de Gaitas, os espectadores tomaron nota do ambiente festivo da gala e mesmo se animaron a acompañar aos alumnos tarareando algunhas das cancións e solicitando un “bis” continuo para que non dar por concluído o festival.

Concerto de Bandas Sonoras

As actuacións da Escola de Música de Arcade continúan este venres co seu Concerto de Bandas Sonoras. Unha actuación na que deleitarán aos asistentes coa interpretación de varios temas clásicos do cine acompañados por imaxes de cada película. Cancións que acompañaron a pezas tan lembradas como “Bailando con lobos”,”Piratas do Caribe 3”, “Robín Hood” e na que non podían faltar clásicos como “O bo, o feo e o malo”. A demostración comezará ás 22:30 horas na alameda Talo Río de Arcade.

28 de xullo de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.