Uns 240 rapaces de Ourense coñecerán de preto os medios policiais como guías caninos, cabalería ou helicóptero
Unha das actividades da Concellería de Educación que máis satisfai aos nenos e nenas da cidade que participan, a visita ás dependencias da Policía Nacional e o coñecemento de primeira man dos seus medios, levarase a cabo por vez primeira en verán. Así, este xoves entre as 10:30 h e as 13:30, 240 escolares de catro centros educativos da cidade -Curros Enríquez, Amadeo Barroso, O Couto e Prácticas-, xunto a alumnado da Escola de Artes Escénicas terán a ocasión de coñecer as competencias dun servizo público tan importante “cuxo traballo diario”, segundo a concelleira de Educación, Ana Garrido, “ás veces non sabemos valorar o suficiente”.
“Os nenos e as nenas aprenderán, dun xeito lúdico e educativo, as súas competencias e ámbitos nos que se pode recurrir a eles, e serán máis conscientes do seu valor”, sinalou a concelleira.
Pola súa banda, o xefe da brigada de Seguridade Cidadán, Dámaso Rodríguez, detallou parte do programa ao que asistirán os rapaces: guías caninos, unidades de cabalería, intervención policial e subsuelo ou helicóptero. “É unha forma de dar a coñecer os nosos medios á vez que incrementamos a confianza dos cidadáns”. A actividade encaixa dentro da perspectiva de coñecemento e formación, e como colofón ao curso escolar. “Todo o que sexa mellorar a nosa relación fluída cos cidadáns é moi positivo”, rematou o xefe de brigada.
Dámaso Rodríguez apuntou tamén a futurible idea de organizar unhas xornadas de seguridade na nosa cidade, con simulacros de incidencias e a participación dos distintos corpos de seguridade.











