Unhas 160 persoas abarrotan o Centro do Viño de Monforte para colaborar no orzamento participativo da Deputación de Lugo
Cada vez máis persoas asisten ás xuntanzas convocadas pola Deputación de Lugo para elaborar os orzamentos participativos, o que constata o crecente interese e apoio social a esta iniciativa de transparencia e rexeneración política, pioneira entre as institucións provinciais de España. Uns 160 veciños abarrotaron onte o Centro do Viño de Monforte na asemblea correspondente a este partido xudicial. A resposta foi tal que houbo persoas que tiveron que seguir de pé o encontro, no que o turismo, coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e o servizo de catamaráns, foi un dos eixos das intervencións, xunto coas infraestruturas.
O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, conduciron a asemblea, na que o Plan Integral que onte mesmo presentou Besteiro para converter Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural xenerou un gran interese entre os asistentes, sobre todo polo seu impacto na actividade socioeconómica da zona. Gómez Besteiro comprometeu o arranxo dos 300 metros que restan da estrada provincial que une a parroquia de Seoane coa finca de Tor, unha obra ralentizada polas alegacións que varios veciños presentaron ante o Xurado de Expropiacións e que están pendentes de resolución.
En canto á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, que ten na Deputación un dos principais impulsores, os participantes quixeron coñecer os beneficios e repercusión que terá sobre a actividade turística, e demandaron axudas para mellorar os accesos na zona.
Os veciños fixeron tamén propostas para mellorar o servizo provincial de catamaráns. No caso da referida a atender ós viaxeiros en varios idiomas, explicóuselles que na actualidade xa se informa na lingua predominante no grupo, ben sexa galego, castelán, inglés…
Infraestruturas e SOGAMA
Houbo numerosas críticas ós Goberno autonómico e central por “marxinar” a Monforte e deixalo fóra dunha posición estratéxica. “Onde están as infraestruturas que nos prometeron?”, preguntábase un veciño. Tamén expresaron o seu malestar pola suba da taxa de SOGAMA e pediron á Deputación un estudo sobre unha alternativa ecolóxica e máis económica. O alto prezo dos carburantes foi outra das queixas formuladas.
Os veciños preguntaron pola contía e o reparto das axudas a domicilio e reclamaron unha mellor distribución das subvencións ó deporte, cuestión ante a que se lles explicou que o obxectivo da Deputación é saír do accionariado do CB Breogán, para o que xa iniciou o procedemento necesario.
Pediron colaboración tamén para dotar de equipamento ó centro social da Vide, ademais de melloras en pasos de peóns no centro urbano de Monforte.
Nas intervencións houbo varios agradecementos por “esta forma de facer política” e, en concreto, a Besteiro “por ser o primeiro presidente da Deputación de Lugo porque o anterior nunca apareceu”.
As intervencións dos veciños para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que detectan nos seus concellos e pobos conformaron o bloque central dunha asemblea, que arrancou cunha explicación do Presidente sobre que son os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos. Gómez Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais: de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda.
As tres prioridades
Tras a introdución e a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. O fomento do emprego, cun 55%, foi a área prioritaria que marcaron maioritariamente os asistentes á xuntanza de Monforte, seguido de infraestruturas, cun 16%, e cultura e políticas sociais, cun 7%.
Próxima cita, en Becerreá
A vindeira semana celebraranse as tres últimas xuntanzas participativas. O martes terá lugar a de Becerreá, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura; en Mondoñedo será o mércores; e en Lugo o xoves.
Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de que se teñan celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.











