publicidade hoxe

Unha vintena de veciñas de Lousame expoñen os traballos feitos no curso de corte, confección e patchwork

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Exposición de labores en Lousame

Exposición de labores en Lousame

Unha vintena de veciñas de Lousame expón na Casa da Cultura unha selección dos mellores traballos realizados durante o último ano no Curso de Corte, Confección e Patchwork, organizado polo Concello de Lousame. Unha exposición que foi inaugurada esta fin de semana pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, nun acto ao que asistiron preto de corenta veciños e veciñas do municipio.

Entre o máis de medio centenar de pezas que están incluídas na exposición figuran colchas, manteis, coxíns, bolsos, cortinas, toallas, camisetas, zapatillas, vestidos e todo tipo de roupa para bebé. Teresa Villaverde felicitou ás veciñas “pola calidade deste traballo, sobre todo tendo en conta que moitas destas pezas están feitas con materiais que non houbo que comprar senón que xa tiñades nas vosas casas, polo que conseguíchedes darlle unha nova vida a toda esta roupa”. A alcaldesa de Lousame amosouse especialmente sorprendida pola calidade do traballo e a destreza amosada polas alumnas nas distintas colchas de cama, que se poden visitar dende esta semana e ata o vindeiro 31 de agosto na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame.

Pola súa banda, as alumnas agradecéronlle ao Concello de Lousame a organización un ano máis deste Curso de Corte, Confección e Patchwork e aproveitaron para solicitar a compra dunha máquina de coser para empregar nas clases. Teresa Villaverde recibiu con interese a proposta das alumnas e indicou a súa esperanza de que este curso, que actualmente se está a impartir no local social de Tállara e no que participan veciñas das distintas parroquias de Lousame, poida desenvolverse en máis parroquias do municipio en próximos anos.

29 de xullo de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.