Unha unidade móbil de ITV agrícolas estará o martes 29 de xullo en Ponte Caldelas
Unha Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas estará instalada durante todo o martes día 29 na chaira do campo de fútbol municipal de Chan da Barcia, en horario de mañá, de 9 a 13:30 horas, tras as xestións realizadas polo Concello de Ponte Caldelas ante a empresa concesionaria de Inspección Técnica de Vehículos, Supervisión e Control.
A revisión realizada por esta ITV móbil ten a mesma validez que calquera outra permanente existente en Galicia e o feito de que se instale en Ponte Caldelas permitirá aos propietarios de vehículos agrícolas do municipio e doutros lindeiros como A Lama, Fornelos ou Soutomaior, poder pasar a correspondente revisión con total comodidade ao non ter que desprazarse ás existentes en Ponte Bora ou Curro, entre outras.
Aquelas persoas que estean interesadas en pasar a inspección na ITV móbil poderán solicitar cita previa no teléfono 902 30 90 00 ou na web www.sycitv.com. O horario previsto para realizar os controis é de 9 a 13:30 horas pola mañá.
A revisión periódica destes vehículos agrícolas é obrigatoria e, ao mesmo tempo, é unha medida preventiva que mellora a seguridade dos usuarios destas máquinas que, por desgraza, son obxecto de continuos accidentes no mundo rural.
Coa instalación da Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas en Ponte Caldelas, o Concello pretende favorecer a proximidade e o mellor acceso de todos os veciños aos servizos comunitarios á vez que se evitan desprazamentos incómodos que resultan, á vez, custosos para os usuarios.











