Un total de nove padexeiros galegos competirán no Campionato de Europa sub-23 en Szeged
Nove padexeiros galegos competirán desde este xoves no Campionato de Europa sub-23 que se disputará na localidade húngara de Szeged. Rubén Millán, Adrián Sieiro, Cristina Noya, Cristian Silva,Tania Fernández, Alex Bernárdez, Sergio Vallejo, Camila Aldana Morrison e Raquel Da Costa serán os representantes autonómicos nesta cita. Outros padexeiros galegos tiveron que renunciar a participar ao non atopar o financiamento necesario para afrontar os gastos para competir.
Rubén Millán estará no K-4 1.000 metros xunto a Javier Cabanín, Marcos Cooper e Juan González. O padexeiro do Kaiak Tudense afronta a súa segunda cita internacional da tempada cun gran desafío. O ano pasado proclamouse subcampión de Europa nesta modalidade e distancia.
Adrián Sieiro competirá no C-1 200 metros. A nova promesa do piragüismo galego optará a estar entre os primeiros nunha nova cita internacional. O seu talento e calidade convérteno nun dos favoritos a estar no podio. Cristina Noya afrontará a proba de C-2 500 metros xunto a Araceli Fernández. Tania Fernández competirá en K-1 1.000 metros.
Na categoría júnior, a representación galega estará composta por Sergio Vallejo e Alex Bernárdez, en C-2 1.000 metros, Cristian Silva, en K-2 1.000 metros e Camila Aldana Morison e Raquel Da Costa en K-2 500 metros.
O Campionato de Europa júnior e sub-23 terminará o domingo e desde este xoves disputaranse as fases previas e tamén as semifinais. Algunhas finais serán o sábado e outras o domingo.
Varios padexeiros galegos non acoden á cita a pesar de ter praza debido á falta de apoios económicos. É o caso de Carla Pérez, do Kaiak Tudense, que renunciou a participar na competición.











