Un total de 77.000 euros investiranse na mancomunidade do Deza para mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

Cores Tourís na visita a Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces para analizar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria e que beneficiarán a mancomunidade do Deza.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 90.600 euros de investimento que se desenvolverán nestes concellos en obras de mellora enerxética e dos que algo máis de 77.000 euros corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, executaranse melloras en dez instalacións e puntos de luz, “o que permitirá aforrar 81,18 toneladas de CO2 ao ano”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 124.889 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 95.028 euros en 12 meses.

No concello de Vila de Cruces, que visitou o delegado territorial hoxe, instalaranse 61 puntos de luz de equipos led na praza de Juan Carlos I, cun novo sistema de acendido que se realizará por reloxo astronómicos. “Os equipos led desta praza disporán dun sistema de aforro que reducirá o consumo e o fluxo luminoso un 50% durante nove horas ao día”, explicou Jesús Otero. Tamén engadiu o alcalde da localidade que en Merza instalaranse 28 puntos de luz con equipos led e co mesmo sistema de acendido que na praza de Juan Carlos I.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita a Vila de Cruces para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de agosto. “Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

8 de xullo de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.