Un total de 647 mozos xa solicitaron optar a contratos no Plan de Práctica Laboral da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Un total de 647 licenciados, graduados ou diplomados presentaron, a data de hoxe, as súas solicitudes para optar a contratos en empresas da provincia de Pontevedra dentro do Plan Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra para o ano 2014.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 29 de xullo, martes, pero a data de 19 de xullo foron xa 647  as solicitudes presentadas por xoves universitarios para participar no plan ao que se acolleron 903 empresas da provincia.

Delas, son de Vigo 160; de Pontevedra 78; de O Salnés 49; de Deza 44; de O Morrazo 23; de Caldas 18; de Baixo Miño 15; de Tabeirós-Terra de Montes 10; e da comarca de O Condado-A Paradanta, un total de 3 empresas.

As titulacións académicas máis demandadas polas anteditas empresa foron Administración de Empresas (46), Administración e finanzas (38), Xestión Comercial e Marketin (17), Informática (12), Publicidade e Relacións Públicas (12), Relacións Laborais e Recursos Humanos (11), Arquitectura (8), Arquitectura Técnica (11), Aplicacións Multiplataforma (7),e Produción por Mecanizado (7).

O prazo para que os universitarios soliciten a súa inclusión no devandito Plan remata o vindeiro 29 de xullo. Logo procederase á súa selección, na que o currículo ou expediente académico será valorado de 0 a 7 puntos; e a entrevista sobre o currículo e coñecementos relacionados coa titulación, de 0 a 3 puntos. O BOPPO publicará as puntuacións obtidas e cada bolseiro elixirá a empresa na que desexe realizar prácticas.

O traballo na empresa comezará o 1 de outubro e durará un ano. Percibirán 800 €/mes para licenciados, graduados e diplomados, e de 700 €/mes para ciclos superiores.

20 de xullo de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.