Un total de 25 artistas galegos expoñen no certame internacional Góis/Orosoartes
Un total de 25 artistas galegos expoñen da man do Concello de Oroso no prestixioso certame internacional Góis/Orosoartes 2014, que se celebra na localidade portuguesa de Góis ata o vindeiro 31 de xullo. Así mesmo, estes artistas tamén formarán parte da exposición que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro entre o 12 de setembro e o 3 de outubro.
Os 25 artistas seleccionados polo xurado do certame para representar ao Concello de Oroso na localidade portuguesa son: Guadalupe García Ferreiro, Mary Carmen Calviño, Fran Lareo, Marina Cocós, Constantino Cuesta Ibáñez, Blanca Arocas Rivera, María José Fiaño Lois, María Esther Rodríguez Noya, Teresa Barrós, Mary Olivares Lara, Xoán Vila, María Del Carmen Rodríguez Garrido, Avelino Castro Fernández, Manuel F. Castro, María Del Carmen Tabeada, Celia Santos, Carmen Torres, Isabel González Andrés, M. Carmen Sampedro López, María Esther Piñan Orujo, Josefa Mariño, Jesús Pereira Ríos “Suly”, Belén Rodríguez Pazo, Marta Lucía Dubra Ríos e Ofelia Ángeles De Bartolomé Battista. A gran maioría dos artistas optaron pola pintura (21), mentres que tres optaron pola escultura e un pola fotografía.
Inauguración
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, participaron esta fin de semana na inauguración do certame Góis/Orosoartes 2014, que este ano cumpriu a súa edición número dezaoito. Un acto protagonizado pola presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira, e polo presidente da Asamblea Municipal de Góis, José Antonio Pereira de Carvalho.
Antonio Leira destaca que “favorecendo a participación de artistas galegos neste prestixioso certame estamos promovendo a nosa cultura máis aló das nosas fronteiras”. Mirás e Leira estiveron acompañados por Ofelia Ángeles de Bartolomé, veciña de Oroso e que actuou como representante dos artistas e do Concello de Oroso. A pintora orosá fixo entrega dunha pintura, que recollía unha vista do centro cultural de Sigüeiro, á presidenta da Cámara Municipal de Góis.











