Un total de 2.000 prazas ocupadas na actividade de excursionismo para maiores de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

641 persoas ocuparon as 2000 prazas que había nas excursións programadas dende Vén e Descubre, o programa que conta con actividades de excursionismo para maiores do Concello de Oleiros. Cunha participación do 66% de mulleres e dun 34 % de homes, rematou a actividade de excursionismo da 17ª edición de Vén e Descubre 2014, que baixo o título de Paraísos Cercanos, levou ás persoas maiores de todas as localidades de Oleiros a coñecer tres lugares con encanto, especiais, de grande beleza e moi importantes polo seu valor histórico, cultural e natural.

Este domingo 20 de xullo remata a última das rutas programadas coa excursión que fai o grupo da localidade de Santa Cruz a coñecer A costa salvaxe. Un fermosos percorrido que empeza no Castelo de Vimianzo, coñecendo unha parte da historia de Galicia a través da recreación teatral que fan da vida no Castelo e dos seus moradores e que remata na vila mariñeira de Camariñas, que da nome á artesanía do encaixe e que ten, moi preto dela, Cabo Vilán, testemuña da gran beleza e dureza desta costa.

A primeira das outras dúas excursións foi unha ruta transfronteiriza, entre Tui e A Fortaleza en Portugal. As marabillosas vistas que nos deixa o río Miño, fronteira natural entre os dous países, e o Monte Aloia, foron espectáculos naturais que deixaron marcados ás participantes; á vez visitaron as dúas vilas e os seus monumentos mais representativos, a Catedral de Tui e a Cidadela da Fortaleza.

As vilas de Noia e Muros foron o destino das segunda das excursións. A primeira cun importante patrimonio histórico artístico, berce de lendas, novelas e poetas, e a segunda fermoso exemplo da arquitectura tradicional das vilas mariñeiras, coas vivendas de cantería destinadas a servir non só de casa senón tamén de lugar de traballo, baixo os seus soportais, cando a xente do mar estaba en terra.

En resumo, 2200 prazas, ocupadas por 640 persoas de todas as localidades de Oleiros que realizaron 18 saídas en 35 autobuses, coñecendo Paraísos Cercanos, destinos que tiveron unha grande aceptación e contaron cun moi alto grado de satisfacción dos participantes.

Descubrir a historia, a arquitectura, as paisaxes, os valores que ten cada lugar que se visita e as súas xentes, son os obxectivos que se perseguen e que animan cada ano a máis persoas a participar nunha actividade de ocio marcada polo seu alto nivel de calidade.

18 de xullo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.