Un novo vehículo encargarase da limpeza integral das rúas do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño asistiu á demostración de funcionamento do novo vehículo de limpeza integral das rúas, e que podería adoptarse na vila carballiñesa a través dun convenio coa Deputación provincial. Trátase dunha máquina limpadora que, ademais, aspira, varre e baldea as rúas, adaptada para o baleirado en colectores urbanos, con ampla autonomía que permitiría realizar grandes percorridos, e máis silenciosa e efectiva que as anteriores.

Con esta máquina poderíanse realizar traballos de limpeza urbana dunha forma máis rápida e efectiva, permitindo que o traballo dos operarios de limpeza se poidan centrar noutras accións para, en definitiva, ofrecer unha imaxe de vila limpa en todas as épocas do ano.

Argimiro Marnotes expresou a súa intención de elaborar un convenio coa Deputación, entidade que xa se está ocupando do servizo de recollida de lixos no Carballiño, para incluír esta nova máquina no sistema de limpeza municipal. Este convenio será levado a pleno para a aprobación por parte do concello, e desta forma ampliar os servizos públicos na vila carballiñesa.

A capacidade do novo vehículo permite executar os traballos de forma rápida e rigorosa, evitando ao máximo as molestias aos veciños xa que o son da mesma, a pleno funcionamento, é o menor posible, contando ademais cun sistema de pulverización que evita que se levante o po mentres está a varrer as rúas.

Así mesmo conta con sistema de baldeo, cunha peculiaridade, que en determinadas accións reutiliza o mesmo auga unha vez reciclada, o que supón un maior aforro.

1 de xullo de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.