Un grupo de voluntarios acompañará a persoas con diversidade funcional polo contorno das Illas Cíes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pon en marcha por primeira vez un programa de voluntariado para o apoio e o acompañamento a persoas con diversidade funcional no contorno das Illas Cíes.

Durante os meses de xullo e agosto, un grupo formado por tres persoas voluntarias terán a oportunidade de participar,de mércores a mércores, apoiando e acompañando a persoas ou grupos de persoas con diversidade funcional que visiten a illa nas actividades que se desenvolvan na mesma. En total, 24 persoas participarán nesta actividade.

Os voluntarios recibirán unha formación previa á chegada á illa sobre o parque e a atención a persoas con diversidade funcional. As súas funcións serán basicamente de acompañamento nas actividades que se fagan pola illa, fundamentalmente axuda nas rutas e nas actividades de baño con cadeira adaptada.

O programa inclúe aloxamento en tenda de campaña, manutención e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Os voluntarios deberán desprazarse por conta propia ata o Porto de Vigo, punto de encontro desde onde serán recollidos en barco para o seu traslado á illa.

Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade. As persoas voluntarias que desexen facelo, deberán levar saco de durmir, protección solar e unha mochila.

Ao finalizar a súa participación neste programa, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Todos os voluntarios e voluntarias que estean dispostos a colaborar neste proxecto poden inscribirse na páxina ‘voluntariadogalego.org’.

Ademais deste programa de apoio as persoas con diversidade funcional que visitan a illa, tamén ten lugar un campo de traballo que conta con catro quendas de doce días de duración cada unha, desde o 2 de xullo ata o 28 de agosto. Poderán participar 120 voluntarios de entre 18 e 30 anos de idade de diferentes nacionalidades, xa que este campo é de carácter internacional.

Esta iniciativa forma parte do programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, no que máis de 330 persoas están a realiza este ano actividades de voluntariado nos arquipélagos de Sálvora, Cortegada e Ons.

4 de xullo de 2014 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.