Un grupo de 37 xóvenes de Brión participaron nunha viaxe a Jerez de la Frontera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Foto de grupo dos participantes na viaxe

Foto de grupo dos participantes na viaxe

Un grupo de 37 mozos e mozas de Brión, de entre 18 e 35 anos de idade, veñen de participar na Viaxe da Mocidade 2014, unha actividade organizada polo Concello de Brión e que este verán se desenvolveu na localidade gaditana de Jerez de la Frontera. Unha viaxe de seis días durante os cales a expedición brionesa tamén tivo a ocasión de coñecer Sevilla, Gibraltar, Cádiz e Tarifa.

Os mozos e mozas aloxáronse no Albergue Inturjuven Jerez de la Frontera, cidade coñecida polas súas adegas e pola veneración que sente polo mundo da hípica e o cabalo. De feito, unha das visitas programadas foi á Real Escuela Andaluza del Arte Ecuestre, onde asistiron ao espectáculo “Como bailan los caballos andaluces”.

Dende esta localidade os mozos brioneses desprazáronse ata Sevilla, Gibraltar e Tarifa. Na capital andaluza gozaron dunha emocionante tarde no parque de atraccións de Isla Mágica. Tamén visitaron Cádiz e coñeceron as vilas de Medina Sidonia, Véjer de la Frontera e Zahara de los Atunes. O grupo gozou dunha excelente climatoloxía, cunhas temperaturas suaves que fixeron moi agradables as excursións e as tardes de praia.

As Viaxes da Mocidade de Brión comezaron en 2007 e son continuidade dos intercambios culturais con Guillena (Sevilla) realizados en 1992-93 e 2005-06. O obxectivo principal desta actividade é fortalecer os lazos de fraternidade entre a mocidade das diferentes parroquias ao tempo que participa en visitas culturais e actividades de lecer. Nos últimos anos, esta iniciativa levou aos mozos brioneses a visitar Cantabria, Málaga (2008 e 2012), Valencia, Guillena, Barcelona e Mallorca.

31 de xullo de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.