publicidade hoxe

Un centenar de nenos da ludoteca de Ponte Caldelas gozan da praia fluvial da Calzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Case un centenar de nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos gozan da excelencia das augas de baño da praia fluvial da Calzada, dentro das actividades ao aire libre organizadas pola Ludoteca Municipal de Ponte Caldelas para este verán.

Esta saída ao aire libre contou coa supervisión das monitoras tituladas da Ludoteca ademais da presenza da socorrista que habitualmente fai tarefas de vixilancia dentro do programa de colaboración subscrito entre a Xunta e o Concello de Ponte Caldelas para mellorar a seguridade das persoas que se achegan a esta praia fluvial catalogada como unha das que gozan das mellores augas para o baño en Galicia.

A Ludoteca combina estas saídas ao aire libre con actividades de lecer e aprendizaxe que teñen ás rutas de sendeirismo, o taller de música, xogos de exterior, a celebración do entroido de verán, talleres de cociña, animación á lectura, día do patinete e o uso do inglés como principais protagonistas.

Entre as actividades que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto na Ludoteca Municipal rutas de sendeirismo e saídas aos arredores, realización de instrumentos musicais con material reciclado, taller de música, yincanas e xogos en inglés, xogos de exterior, celebración do entroido de verán, talleres de cociña, animación á lectura, manualidades de verán e día do patinete.

GOZAR DUNHA PRAIA FLUVIAL CON SOCORRISTA E AUGAS QUE OBTEÑEN O CUALIFICATIVO DE “EXCELENTES”

Un dos obxectivos do Concello de Ponte Caldelas co fomento de actividades estivais na Ludoteca Municipal vai orientado a favorecer a compatibilidade entre a vida laboral e a familiar ao mesmo tempo que os máis pequenos coñecen e gozan dos abundantes recursos naturais dos que dispón este municipio.

Así a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, mantén nesta tempada estival o cualificativo de “excelente”, segundo o resultado da analítica practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza en Galicia a Consellería de Sanidade nas áreas habilitadas para o goce das zonas de baño. Ademais desde o pasado 1 de xullo conta coa contratación dun socorrista para os meses de xullo e agosto para velar pola seguridade dos bañistas.

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, que se achegou a contemplar as actividades organizadas pola Ludoteca na praia fluvial da Calzada, manifestou a súa satisfacción polo resultado da analítica practicada e sinalou que é unha constante que leva producindo na Calzada desde que se habilitou oficialmente como zona de baño, en 2001 e que vén corroborar o excelente estado de salubridade das augas do río Verdugo ao seu paso pola localidade.

30 de xullo de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.