Últimos días de asentos reservados do Rio Natura Monbus para os abonados da pasada tempada
A campaña de abonados do Rio Natura Monbus achégase a outro dos seus momentos importantes. O próximo 15 de xullo será o último día no que os abonados do pasado curso terán o seu asento reservado para renovalo con prioridade sobre outros afeccionados.
O vindeiro martes, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 pola tarde nas oficinas do club ou até as 00.00 por internet, os abonados poderán formalizar o seu abono sen medo a perder o seu sitio. A partir dese momento, as prazas que non sexan renovadas poranse a disposición de todos os demais afeccionados, para que as poidan adquirir. Infórmase tamén dun cambio nos horarios de oficina os días xoves 10, venres 11, xoves 17 e venres 18, motivado polas funcións do Circo do Sol que se celebrarán no Multiusos. Ese catro días, o horario de apertura será o habitual pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 18.30 horas pola tarde.
O abono ao Rio Natura Monbus, que facilita a entrada a todos os partidos da liga Endesa regular no Fontes do Sar, un total de dezasete encontros, supón tamén un 5% de desconto na tenda oficial “Miudiño Store” e outras moitas ofertas nas empresas do Club Empresas Obradoiro.
Ademais, os antigos abonados poderán aínda ter un 10% de desconto máis no seu abono por cada amigo que traian e fágase novo abonado referenciándolo. Tamén continúan os Prezos Reducidos para menores de 18, estudantes menores de 25, parados de longa duración (máis de seis meses), federados do baloncesto ou maiores de 65.











