Últimos días da mostra ‘Soños de autor’ en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Até o vindeiro 05 de agosto, a mostra ‘Soños de autor’ do pintor Manuel Vázquez Ribada, coñecido co nome artístico Don Manuel, poderá visitarse na Sala de Exposicións de Verín

Devandita mostra, que chega por primeira vez a Verín, está conformada por 15 óleos sobre lenzo, en concreto, retratos. “Don Manuel, esa é a súa firma, que despois dunha itinerante vida por capitais do mundo artístico…Madrid, Roma, Barcelona, Paris…recalou en Ourense. A súa obra, que foi exhibida en diversas salas de arte se caracteriza por ser….descaradamente distinta. Xunto con algúns cadros de clara inspiración impresionista e recordan aos retratos de Renoir, a súa obra adoita achegarse máis ao estilo surrealista, no que mestura temas coa capacidade dun iluminado, chegando a producir efecto alucinante. A forza expresiva da cor e a vivaz pincelada son elementos que definen os seus cadros, aos que se entrega”, así define o esculto-pintor Xosé Rivada a obra de Don Manuel.

Nado nos Peares, Manuel Vázquez Ribada considérase un xornaleiro das artes plásticas con obra no Smith College de Northampton, Massachusetts, e nas coleccións particulares de Fernando Arrabal, Umberto Eco, Milan Kundera, Jak Vanarsky, Camilo José Cela e outros escritores e artistas.

 A Sala de Exposicións de Verín (rúa Irmáns La Salle, entre a Casa da Cultura e a Oficina de Turismo) está aberta de luns a sábado, das 10 ás 14 e das ás 20.30 horas.

31 de xullo de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.