publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ultímase a conclusión do cambio da cuberta do CPI Doctor López Suárez no Saviñao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Saviñao
A-
A+
Raquel Arias na visita ao centro

Raquel Arias na visita ao centro

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, revisou hoxe as actuacións de mellora que se están a desenvolver no CPI Doctor López Suárez, do municipio do Saviñao, no que están a piques de rematar as obras de renovación da cuberta do centro.

Arias, que visitou a zona xunto co alcalde da localidade, Joaquín González, e técnicos da Consellería de Educación, indicou que as actuacións previstas, que supoñen un investimento de 133.235 euros, afectan fundamentalmente “á parte superior do edificio principal do centro, no que se cambia por completo o material do sistema de cubrición instalando tella cerámica curva en acabado natural, sobre espuma de poliuretano e unha base de placas de fibrocemento”. Prevese que a actuación estea rematada ao longo da próxima semana.

Paralelamente, segundo explicou a delegada, na cuberta do anexo do comedor lévase a cabo a substitución do entramado estrutural de viguetas que sirvan de sustento á cuberta do edificio.

Por último, na zona de conexión dos dous corpos da construción execútase tamén a instalación de verteaugas que impidan as filtracións desde o exterior que se producen na actualidade e que veñen producidas polo deterioro causado polo paso do tempo.

Arias referiuse a importancia destes traballos, que “servirán para modernizar o centro escolar de referencia do Saviñao e da súa contorna”, e que veñen a sumarse ás que xa se realizaron no centro ao longo dos últimos anos e que supuxeron o acondicionamento do parque infantil do colexio e as renovacións acometidas en distintas partes do pavillón polideportivo. Educación investiu case 65.000 euros nos devanditos proxectos, aos que agora se suma o recambio da cuberta.

Esta actuación responde a unha demanda realizada polo grupo de goberno e a comunidade educativa do centro. Neste sentido, as obras suporán, en opinión de Arias, un importante beneficio para a comunidade estudantil e docente deste centro do Saviñao, no que na actualidade cursan estudos case 200 alumnos da localidade e da súa contorna, distribuídos entre Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.

29 de xullo de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.