publicidade hoxe

Trinta cantantes disputaron o concurso de karaoke en Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Unha das actuacións do concurso

Unha das actuacións do concurso

O Concello de Soutomaior celebrou este sábado o seu III Concurso de Karaoke coa participación de até trinta cantantes que fixeron as delicias dos máis de 300 asistentes. Unha gala con carácter familiar que contou con todos os ingredientes necesarios para unha noite inesquecible, humor, nervios, alegría, baile e moita música.

Unha Shakira petrificada polos nervios, un Andrea Bocelli que só abría os ollos cando se esquecía a letra e até a mismísima faraona, Lola Flores, de volta nos escenarios. Isto e moito máis viviuse este sábado no edificio multiusos de Arcade. Cun salón repleto de público ansioso por escoitar e participar nesta noite musical, empezou o concurso. Os primeiros en participar foron os máis pequenos. Un total de oito participantes disputaban esta categoría na que os premios foron para Marta Alonso Montoto, a mellor Voz, coa súa interpretación en inglés do tema “Undo” de SannaNielsen. Candela Seoane Reguera levou o premio á mellor interpretación coa canción “Aprendiz” de Malú. O premio á mellor caracterización foi para Ainoa Gándara Casal coa composición “El sol no regresa” da Quinta Estación. Por parellas as grandes triunfadoras foron Carolina Andrés e Antía Míguez, que coa súa interpretación do clásico “La Bamba”, dos Lobos, lles valeu os premios á mellor interpretación e a mellor caracterización. O premio á parella infantil con mellores voces foi para Hugo González e David Alján pola súa “Ave María” de David Bisbal.

A categoría Xuvenil, a máis numerosa con doce participantes, supuxo un malgaste de imaxinación e bo humor. O premio á mellor voz foi para Kevin Rodríguez, con HeartBreak Hotel. Unha canción coa que reviviu os mellores ritmos e movementos de Elvis Presley. A mellor interpretación foi a de María Martínez e os seus “Sueños Rotos” da Quinta Estación. O último premio individual foi para Adrián García pola súa caracterización de Andrea Bocelli e a súa canción “Por ti volaré”. O dueto composto por Paula Rivas e Patricia Martínez levou o premio ás mellores voces coa canción “Si me voy” de Paula Rojo. Ainoa Crespo e Carla Fernández levaron o premio á mellor interpretación por parellas coa canción “lalaladare” de Shakira. As vencedoras do premio á mellor caracterización foron Cristina Fernández e Nerea García con “Mi niña bonita” de Chinés e Nacho.

A final estaba reservada para a categoría adulta. Iria Ledo arrincou ao público dos seus asentos coa súa demostración vocal na canción de Malú e Pablo Alborán “Vuelvo a verte”. Unha actuación que lle supuxo o premio á mellor voz. O premio á mellor interpretación foi para Mari Luz Mújico, quen realizou un malgaste de arte escénica coa canción de Lola Flores, “Pena, penita, pena”. Sandra Hermo levou o premio á mellor caracterización con “Ámame o déjame” de Mónica Naranjo. A parella formada por María Martínez e Xiana Míguez impúxose como o dueto con mellores voces co tema “Vivo per lei” de Andrea Bocelli mentres que Esmeralda Andrés e Flavio Pereira fixérono como os mellor caracterizados en “Recuérdame” da Quinta Estación.

A gala durou ao redor de dúas horas e contou, ademais dos competidores, coa participación de multitude de espectadores que se animaron a cantar e bailar mentres o xurado tomaba a súa decisión. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, fixo entrega dos premios a todos os vencedores ademais dun recordo ao xurado como agradecemento pola súa colaboración. “É incrible o talento que teñen moitos dos concursantes, especialmente algúns dos máis pequenos”, expresou o alcalde ao terminar o concurso.

O xurado estaba composto por seis membros de contrastada experiencia en bandas como a Coral de Soutomaior, a Banda Cultural de Soutomaior e a Artística de Arcade entre outros grupos.

7 de xullo de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.