Tres das catro zonas de baño habilitadas na praia de Razo dispoñen dunha calidade de auga “excelente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O goberno carballés informa de que as análises realizadas nas catro zonas de baño da praia de Razo (A Cabreira 1, A Cabreira 2, Caseta dos Socorristas e Explanada) reflicten que en todas as áreas -excepto na Explanada, nestes momentos pechada para o baño- a calidade da auga é “excelente”. Ademais, o Xefe do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto Facal, asegura nun informe que a 100 metros a ámbolos dous lados da desembocadura dos regos da Explanada non se presenta ningunha incidencia nas mostraxes realizadas. Polo tanto, o baño está permitido con total seguridade para os usuarios e usuarias en toda a praia de Razo excepto na zona da Explanada. Souto Facal engade no seu informe que as 8 zonas de baño vixiadas polo Servizo de Salvamento e Socorrismo de Carballo (4 en Razo, 3 en Baldaio-As Saíñas e 1 en Pedra do Sal) están controladas sanitariamente de forma permanente polo Servizo de Riscos Ambientais e Sanidade Ambiental da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e, segundo subliña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, “o servizo de Protección Civil de Carballo cumpre escrupulosamente coas normas sanitarias”. O Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, asegura ademais que se teñen realizado mostraxes e análises continuadas dende o primeiro momento en que a Consellería de Sanidade informou do problema, a primeiros de xullo, cando a Explanada tamén estivo pechada para o baño entre os días 2 e 11 do mes (inclusive), e tamén dende o 23 de xullo durante o segundo peche que continúa a día de hoxe. O Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente tamén reiteran que en todo o momento os usuarios e usuarias do areal teñen sido informados da situación por diferentes medios, desde megafonía, ata sinalización vertical, bandeira vermella e paneis informativos, tanto na Caseta dos Socorristas como nas áreas de estacionamento de vehículos. Respecto das análises realizadas, durante o peche decretado a primeiros de mes o Concello ten realizado pola súa conta mostraxes e análises a diario nas catro zonas de baño de Razo, e os niveis de e-coli e enterococos, que son as bacterias que se empregan nas análises para coñecer os niveis de contaminación, teñen sido altamente satisfactorios para todas as zonas excepto a da Explanada. Así, na Cabreira 1, nas análises do 7 de xullo, por exemplo, rexistráronse uns niveis de 1 para e-coli e 0 para enterococos, amplamente por debaixo dos límites estipulados para prohibir o baño, que no caso de e-coli son de 1500 unidades por cada 100 mililitros, como consta no web da Consellería de Sanidade. Ferrero aclara, así mesmo, que “en ningún momento o Concello pecha a zona de forma discrecional, senón sempre atendendo a criterios da Consellería de Sanidade” e que é a obriga tanto do Concello como de Protección Civil “facer caso das autoridades sanitarias”.

A primeiros de xuño a calidade da auga era a idónea

Respecto da orixe do problema, o Concello quere aclarar que cada ano se realiza un control das zonas para o baño nos areais do municipio, e que este ano os datos do 9 de xuño, xusto antes de que comezara a tempada de praias e o traballo dos Socorristas, a auga estaba en perfectas condicións para o baño. Así mesmo, para tentar solucionar o problema, nestes momentos estanse realizando análises no río que verte na Explanada para coñecer a orixe dos verquidos. O goberno carballés quere subliñar que as análises realizadas no río o 19 de xuño, e que son tamén periódicas, daban así mesmo negativo para contaminación. Porén, continuaranse realizando mostraxes e análises tanto para comprobar a calidade das augas e levantar o antes que sexa posible, sempre respectando a seguridade dos bañistas, a prohibición de bañarse (hoxe, 28 de xullo, estase recollendo unha mostraxe para unha nova analítica); como para descubrir a orixe da contaminación e evitar, na medida do posible, que estes episodios se repitan no futuro. Para rematar, o Alcalde quixo salientar que non é certo que exista contaminación na Cabreira e que os usuarios e usuarias aínda poden gozar de tres das catro zonas de baño de Razo. Engade que “con afirmacións que digan o contrario, flaco favor se lle fai a Razo, á hostalería da zona e ao servizo de Socorrismo”.

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova o informe efectuado polo Servizo Municipal de Protección Civil así como os resultados das análises realizadas entre o 3 e o 11 de xullo de 2014. Tamén é posible acceder á ligazón do web do Sergas onde se poden consultar nun mapa os resultados das análises realizadas pola Consellería de Sanidade.

28 de xullo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.