Traballo destina 25 millóns de euros ao ano en axudas para a creación de emprego en apoio aos emprendedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, mostrou hoxe o seu apoio aos emprendedores, aos que considerou “imprescindibles para afrontar a saída da crise e iniciar a senda do crecemento” tendo en conta que supoñen o 24,78% da afiliación á Seguridade Social. Por iso, destacou que a Xunta leva a apoiar a este colectivo destinando un total de 25 millóns de euros ao ano en axudas para a creación de emprego.

Así o destacou Martiñá hoxe na Cámara de Comercio de Pontevedra, onde clausurou un curso de creación e consolidación de empresas.

Sinalou, en primeiro lugar, que durante o ano 2013, a Consellería de Traballo e Benestar apoiou a través da Dirección xeral de Traballo e Economía Social sete cursos de fomento do emprendemento a través da colaboración co INCYDE e coas Cámaras de Comercio de Galicia, apoio que supuxo unha aportación de 63.000 euros que, xunto coa aportación do Fondo Social Europeo, achegou 315.000 euros para acción de emprendemento directas e neste ano 2014, lévanse xa seis colaboracións.

Martiñá explicou, ademais, que a finais de 2013 publicouse no DOG a Lei do empredemento e da competitividade económica de Galicia, a primeira da Comunidade que dá cobertura e apoio aos emprendedores e que ten como obxectivo incentivar a creación e implantación de empresas.

Así mesmo, o director xeral apuntou que neste primeiro trimestre do ano aprobouse o Plan de Emprego Xuvenil , dotado con preto de 100 millóns de euros, que está destinado a facilitar a inserción laboral dos mozos e mozas menores de 30 anos.

Neste plan recóllense actuacións específicas para a área do emprendemento como é a orde de promoción do emprego autónomo para menores de 30 euros, que inclúe axudas de 1.200 euros para o establecemento como autónomo, e de entre 5.000 e 12.600 cando houbera xa investimento, así como unha subvención financeira.

Ademais, o Plan de Emprego Xuvenil tamén contén axudas para a promoción do emprendemento cooperativo. Inclúe axudas de 15.000 euros para a aposta en marcha de cooperativas xuvenís, así como subvencións para a incorporación de socios e de traballadores ás cooperativas.

Por último, Martiñá destacou que nos orzamentos de Galicia para o ano 2014 aparecen tamén incentivos para os emprendedores, tanto no apoio directo como no ámbito fiscal coa finalidade de “sentar unha base sólida e estable para ofrecer as máximas facilidades para desenvolver a súa actividade”.

23 de xullo de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.