Traballando en lingua pecha en Carballo reflexionando sobre a situación actual da normalización
Despois de tres intensas xornadas, o X Curso de verán sobre dinamización lingüística “Traballando en lingua: para a transmisión interxeracional do galego” acaba de pechar as súas portas cun relatorio a cargo de Mariló Cambedo, profesora da Universidade da Coruña (UDC), que estivo acompañada por Xosé Ramón Freixeiro Mato, Director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC. Despois dunha mañá que comezou coa visita de Paula Kasares, da Universidade Pública de Navarra, falando dos camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua; e da presentación do Obradoiro de cantos de berce de Xabier Díaz, que mesmo conseguiu que os asistentes o acompañaran nuns arrolos; Cambedo pechou o curso facendo un completo balance sobre a situación actual da normalización entre a xente máis nova e rescatando moitas das propostas formuladas nos últimos días, ademais de achegar outras novas, para conseguir “rescatar” ás novas xeracións para o galego.
A profesora da UDC reflectiu nalgúns casos as consecuencias do “acelerado proceso de substitución lingüística” e a “ruptura da transmisión interxeracional do galego”. Mais noutros, abriu recunchos para a esperanza, propoñendo novas actitudes como crear “un discurso máis positivo e menos defensivo”; ou reparar nas pequenas cousas, xa que “hai que avanzar sobre pequenos usos, aínda que nos parezan débiles”. Outras das reflexións achegadas por Cambedo falan de que os normalizadores “estamos constantemente centrándonos na diagnose do problema, mentres que as accións quedan aí, sen deseñarse con certa calma”.
Fixo fincapé nalgunhas das eivas existentes, como que “non lle vén ben á lingua estar asociada a políticas únicas”, xa que cómpre “converter ao galego en lingua cotiá sen connotacións políticas ou profesionais”. A profesora non deixou de lado ámbitos que cualifica como “importantísimos” para a normalización, como son o do ensino ou o familiar, danados nos últimos anos. Pero tamén deixa espazo para a loita porque “a perda de falantes non pode ser admitida con resignación e como parte dun proceso natural”. Coas achegas de Cambedo, pois, rematou un Curso que cumpre dez anos dende a súa creación e que cada edición segue congregando a numerosos e numerosas persoas comprometidas coa análise, o debate, a reflexión e as propostas de cara a normalización da lingua galega.











