Tamara Echegoyen e Berta Betanzos finalizan sextas no europeo de FX disputado en Helsinqui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Echegoyen e Betanzos en Helsinqui

Echegoyen e Betanzos en Helsinqui

O equipo español de vela da clase FX que tiña representación na gran final de Helsinqui conseguiu un meritorio sexto posto no Campionato de Europa da modalidade, que se disputou en augas finlandesas. As responsables deste bo resultado para España son o tándem galego/cántabro formado por Támara Echegoyen e Berta Betanzos (Movistar) RCN Sanxenxo/RCM Santander, que competiron a un gran nivel, tendo en conta a calidade da cita continental, convertida en OPEN, é dicir, coa participación de regatistas de todo o mundo, onde na clasificación xeral foron oitavas.

Hoxe disputábase a Medal Race, que consistía na celebración de tres mangas curtas, moi técnicas e con moito desgaste físico, onde os seus parciais foron de 4,5-4-4, moi superiores, mesmo, aos dos equipos que quedaron por diante.

Despois do éxito cultivado na semana olímpica de Kiel, este sexto posto europeo é a consolidación do seu excelente status dentro da clase, un rédito que serve de ánimo e concienciación de face ao seu próximo gran reto, os mundiais de clases olímpicas de Santander 2014. Campioas de Europa proclamáronse as danesas Ida Marie Baad Nielsen e Marie Thusgaard Olsen.

Na categoría masculina do 49er, os únicos representantes españois na última xornada foron os irmáns Paz, Antón e Carlos (Deporte Galego-Dip. Pontevedra-Zhik-Cousin) do Liceo Casino de Vilagarcía, que regresan de Finlandia cun 23 terceiro lugar no europeo, e como líderes do Grupo Prata.

Hoxe a Paz saían á auga coa intención de ir escalando resultados para meterse na Medal, unha misión que terían que ir conseguindo gañando as “petite final” que se ían disputando para acceder á listaxe dos 10 primeiros. Na primeira delas foron novenos, polo que quedaban sen opcións de seguir avanzando cara á Medal. De todos os xeitos a Paz lograron un dos seus mellores resultados en competición internacional da presente tempada. Campións de Europa foron os o alemáns Erik Heil e Thomas Ploessel, sendo os vencedores do OPEN os neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke.

14 de xullo de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.