Susana Seivane será a pregoeira oficial das Festas de Santa María de Cambre
Susana Seivane será a pregoeira oficial das Festas de Santa María de Cambre. A recoñecida gaiteira cambresa aceptou ser a pregoeira oficial das Festas e ofrecerá un discurso o vindeiro xoves 14 de agosto para dar luz verde aos fastos en honra á patroa do municipio. Así o confirmou o alcalde de Cambre, Manuel Rivas, que asegura que Susana e a súa familia son un símbolo da cultura galega e de Cambre. “Susana e a súa familia levan o nome do noso municipio por todo o mundo, son un orgullo para todos nós e é unha honra para toda a Corporación que Susana acepte dar o pregón que dá comezo ás Festas”, apuntou Rivas. Así mesmo, o alcalde lembra que Susana representa a unha saga de artesáns e artistas que son referencia no mundo musical e artesán e proba diso son os recoñecementos que recibiron leste mesmo ano. “Os Seivane recibiron o Premio Nacional de Artesanía 2013, o máximo galardón da artesanía nacional, entregado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en Madrid. Susana e a súa familia fixeron grande a este pobo e debemos de agradecerselo”, explicou o mandatario cambrés.











