Sométese a exposición pública o plan especial de Ferrol Vello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio de Ferrol Vello promovido pola Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, que dirixe Guillermo Evia Pérez; e aprobado en pleno o pasado día 16 de maio. Este documento de planificación urbana para o contorno de Ferrol Vello constitúe un requisito recollido pola lei de Protección do Patrimonio da Xunta de Galicia e entra agora no período de exposición pública durante un mes. O Goberno Municipal de Ferrol elaborou este plan para sentar as bases da recuperación urbanística e social dun barrio que a principios do presente mandato obtivo a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

En canto ao contido, este plan incrementa a superficie para dotacións, espazos verdes e zonas libres de Ferrol Vello; mellora a accesibilidade no interior do barrio e a conexión deste con A Magdalena ao incluír nesta planificación parcelas que até hoxe se atopaban en “zona de ninguén”: Campo de San Roque, contorno de San Francisco e antiga Capitanía. Entre as súas principais directrices, este plan especial tamén permite poñer en valor o feito de que Ferrol Vello é o único punto da cidade con contacto directo coa lámina interior da ría; a implantación de novos servizos que axuden a dinamizar o barrio – como poder a peregrinos-, e a recuperación e fomento da actividade comercial. Para conseguir estes obxectivos facilítase a unión de parcelas e unha maior flexibilidade para levar a cabo nova construción atendendo as tipoloxías da arquitectura contemporánea e sempre cumprindo os criterios de respecto do contorno fixados pola normativa vixente e o propio Plan Especial.

Esta planificación urbanística se propón cun horizonte temporal de 12 anos e fai especial fincapé na rehabilitación de inmobles para favorecer o aspecto residencial no barrio de Ferrol Vello. Este Plan Especial contempla actuacións en 80 edificacións das 122 catalogadas que existe no barrio para o que contempla un investimento anual en rehabilitacións de 1,6 millóns de euros. No que atinxe á rexeneración urbanística e recuperación de espazos para o uso veciñal, o documento fixa intervencións estratéxicas valoradas en 3,6 millóns de euros.

29 de xullo de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.