Sogarpo e Sabadellgallego asinan un convenio para abrir unha liña de avais
A Sociedade de Garantía Recíproca de Pontevedra e Ourense, SOGARPO, asinou esta mañá un convenio de colaboración con Sabadell Galego, en virtude do cal a entidade porá en marcha unha nova liña de financiamento de tres millóns de euros orientada a socios partícipes da S.G.R. O presidente de SOGARPO, Luís Novoa Díaz e o director rexional de Sabadell Galego, Juan Moríñigo Martín foron os encargados de rubricar este acordo na sede da entidade bancaria en Vigo.
Mediante este convenio, as pemes e os autónomos que conten co aval de SOGARPO poderán formalizar diferentes operacións de financiamento de capital circulante: liñas de circulante nacional (pólizas de crédito, desconto comercial, factoring, confirming,…) e liñas de circulante internacional (anticipo de exportación, factoring internacional, crédito documentario, financiamento de importacións,…) en condicións vantaxosas.
Trátase dunha liña nova coa que SOGARPO e Sabadell Galego queren dar resposta ás actuais necesidades financeiras das pemes. Con este acordo, ambas as entidades adquiren un compromiso de apoio ao desenvolvemento do tecido empresarial e industrial, posibilitando o acceso ao financiamento ás pemes galegas, a través de diferentes tipos de créditos en condicións favorables en prazos, comisións e tipos de interese.
Para poder acceder a este financiamento e ao subseguinte aval de SOGARPO, o beneficiario terá que ser unha empresa/autónomo con domicilio social en Galicia ou que o ámbito de actuación principal da mesma sexa a Comunidade de Galicia, e acreditar convenientemente a súa viabilidade económica e financeira para facer fronte aos seus compromisos financeiros.
Sobre SOGARPO
SOGARPO é unha Sociedade de Garantía Recíproca galega que opera fundamentalmente nas provincias de Ourense e Pontevedra. A súa misión é a concesión de avais, para facilitar o acceso ao crédito das pemes e autónomos galegos en condicións vantaxosas en canto a tipos de interese e prazos de amortización, ofrecendo tamén asesoramento financeiro.
As empresas participan como socias cunha cantidade simbólica no seu capital e benefícianse das liñas de financiamento privilexiadas que SOGARPO subscribe con diversos organismos públicos, como o IGAPE, distintas entidades de crédito, etc. SOGARPO supera os 7.300 socios partícipes e conta con preto de 30 socios protectores (Administración, Caixas e Bancos, Cámaras de Comercio, Confederacións de Empresarios, etc.).
Sobre Sabadell Galego
Sabadell Galego, marca galega pertencente ao Grupo Banco Sabadell, sumou máis de 11.700 novos clientes no primeiro semestre do ano e alcanzou 5.371 millóns de volume total de negocio. Mantén o seu firme compromiso co financiamento e o crédito ás empresas galegas e destaca no financiamento ICO en Galicia onde, cunha cota de mercado do 17%, é xa a segunda entidade rexional.Ao peche do primeiro semestre de 2014, Sabadell Galego conta con 130 Oficinas en Galicia cos servizos de Banca Comercial, Banca de Empresas e Banca Privada, sendo así una das maiores redes bancarias da Comunidade.











