SOGARPO e SabadellGallego asinan un convenio para abrir unha liña de avais de circulante para empresas galegas
A Sociedade de Garantía Recíproca de Pontevedra e Ourense, SOGARPO, asinou esta mañá un convenio de colaboración con Sabadell Galego, en virtude do cal a entidade porá en marcha unha nova liña de financiamento de tres millóns de euros orientada a socios partícipes da S.G.R.
O presidente de SOGARPO, Luís Novoa Díaz e o director rexional de Sabadell Galego, Juan Moríñigo Martín foron os encargados de rubricar este acordo na sede da entidade bancaria en Vigo. Mediante este convenio, as pemes e os autónomos que conten co aval de SOGARPO poderán formalizar diferentes operacións de financiamento de capital circulante: liñas de circulante nacional (pólizas de crédito, desconto comercial, factoring, confirming,…) e liñas de circulante internacional (anticipo de exportación, factoring internacional, crédito documentario, financiamento de importacións,…) en condicións vantaxosas.
Trátase dunha liña nova coa que SOGARPO e Sabadell Galego queren dar resposta ás actuais necesidades financeiras das pemes. Con este acordo, ambas as entidades adquiren un compromiso de apoio ao desenvolvemento do tecido empresarial e industrial, posibilitando o acceso ao financiamento ás pemes galegas, a través de diferentes tipos de créditos en condicións favorables en prazos, comisións e tipos de interese.
Para poder acceder a este financiamento e ao subseguinte aval de SOGARPO, o beneficiario terá que ser unha empresa/autónomo con domicilio social en Galicia ou que o ámbito de actuación principal da mesma sexa a Comunidade de Galicia, e acreditar convenientemente a súa viabilidade económica e financeira para facer fronte aos seus compromisos financeiros.











