Sogarpo asina un convenio con Banco Santander para reactivar o financiamento das pemes
A Sociedade de Garantía Recíproca de Pontevedra e Ourense, SOGARPO, representada pola Confederación Española de Sociedades de Garantía Recíproca (CESGAR), asinou un convenio marco de colaboración con Banco Santander e a Compañía Española de Reafianzamiento (CERSA), co obxectivo de vitalizar e impulsar a actividade económica e empresarial mediante a reactivación do financiamento das pemes españolas.
Trátase dun acordo global, que se completa coa firma de convenios específicos coas sociedades avalistas, de todo o territorio nacional, entre a que se atopa SOGARPO. En total, Banco Santander porá a disposición das empresas máis de 350 millóns de euros, co que se estima que máis de 4.000 pemes e autónomos obterán financiamento cun tipo de interese vantaxoso. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de CERSA, cobre preto do 50% do risco que asumen as SGR a través de CERSA, alicerce básico no sistema de garantías, que conta ademais coa cobertura do Fondo Europeo de Investimentos.
Na firma participaron o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria; e o presidente do Banco de Santander, Emilio Botín, así como Manuel Vale, director xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa e presidente de CERSA. Por parte de SOGARPO, asistiu ao acto a súa directora xeral, Margarita Fernández.
Sobre SOGARPO
SOGARPO é unha Sociedade de Garantía Recíproca galega que opera fundamentalmente nas provincias de Ourense e Pontevedra. A súa misión é a concesión de avais, para facilitar o acceso ao crédito das pemes e autónomos galegos en condicións vantaxosas en canto a tipos de interese e prazos de amortización, ofrecendo tamén asesoramento financeiro.
As empresas participan como socias cunha cantidade simbólica no seu capital e benefícianse das liñas de financiamento privilexiadas que SOGARPO subscribe con diversos organismos públicos, como o IGAPE, distintas entidades de crédito, etc. SOGARPO ten 7.000 socios partícipes e conta con preto de 30 socios protectores (Administración, Caixas e Bancos, Cámaras de Comercio, Confederacións de Empresarios, etc.).











