publicidade hoxe

Sober e Carballedo acollen as últimas sesións de ‘Augalingua’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballedoSober
A-
A+

Os concellos lucenses de Sober e Carballedo acollen hoxe e mañá, respectivamente, as últimas sesións coas que a xincana lingüística Augalingua pecha unha exitosa xira por 20 localidades da man do programa FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tras facer hoxe as delicias da rapazada de Sober, a actividade estival do FalaRedes 2014 despedirase mañá en Carballedo. En ambos os dous casos a cita será ás 17:00 horas na piscina municipal de cada unha das localidades.

Augalingua leva desde o pasado 1 de xullo achegando o galego aos rapaces e rapazas de 6 a 12 anos durante o seu tempo de lecer nas piscinas ou praias fluviais dos seus municipios, ao participar en grupo nunha xincana lingüística na que tamén deben superar probas de habilidade e rapidez, ligando a imaxe do idioma á diversión e aos xogos.

Fados en galego

Quen tamén prosegue co seu itinerario polas localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do FalaRedes 2014 é o concerto de fados en galego Os sons do vento que pasa, que esta fin de semana fará parada en dous concellos da provincia da Coruña e nun da de Lugo.

Mañá, as fermosas cantigas interpretadas por Gonçalo Guerreiro soarán en Padrón, ás 22:00 horas na Praza de Macías; mentres que o sábado o farán en Muros, ás 21:30 horas no Recheo, e o domingo en Taboada, ás 21:00 horas na Casa da Cultura.

Con esta proposta , destinada ao público xeral, o espectador mergulla a través do idioma propio de Galicia na música tradicional portuguesa a través dun orixinal espectáculo no que Gonçalo Guerreiro pon a voz e a guitarra e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.

De xira ata finais de ano

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades coas que reforza a súa oferta de ocio.

Completan a programación as actividades infantís-familiares As fabas máxicas e Os Bolechas e o Sabichón, que en setembro volverán percorrer Galicia, e o Toc Toc, que xa concluíu unha exitosa xira na que máis de 5.000 persoas gozaron coa música de Pablo Díaz e a súa banda.

31 de xullo de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.