Sete autoescolas pontevedresas participan no programa “Cambio de sentido”
O Plan Municipal Prevención de Condutas Adictivas da Concellaría de Benestar Social Municipal, a través do seu equipo de Prevención, está a desenvolver nas autoescolas de Pontevedra, ao igual que nos últimos 13 anos, o programa “Cambio de sentido”, que traballa na prevención de accidentes de tráfico no que interveñen o alcol ou outras substancias adictivas.
O programa consiste nun obradoiro dunha hora de duración nas autoescolas de Pontevedra no que persoal do Programa de Prevención explica os diferentes contidos teóricos: tipo de drogas, efectos, o grao alcohólico, as unidades de bebida, como se calcula el índice de alcoholemia, a tolerancia, os límites, mitos, alternativas, etc.
Este programa estase a desenvolver dende o 23 ao 31 de xullo nun total de 7 autoescolas da capital e en setembro realizarase unha autoescola máis. Agradecerlle a súa colaboración e disposición sen a cal sería imposible realizalo. As autoescolas son: Chaves, Tambo, Teucro, Peregrina, Ecovial, Camba, Arias e Via Verde.
Este programa fundamentase en que a morbilidade e mortalidade derivada dos accidentes de tráfico constitúen un problema importante nas sociedades industrializadas, estimándose ao redor de 55.000 persoas falecidas na Unión Europea cada ano, debido aos accidentes de tráfico, e máis de 150.000 os europeos que sofren invalidez permanente por esta causa. Os accidentes de tráfico constitúen un problema social de gran importancia, cun alto custe económico e humano. O denominado “factor humano” é o principal responsable dos accidentes de tráfico.
Os obxectivos deste programa son os seguintes:
• Mellorar a información dos alumnos/as das autoescolas en relación aos riscos asociados á conducción de vehículos baixo os efectos do consumo de alcol e outras drogas.
• Incrementar a percepción de “Vulnerabilidade persoal”.
• Reducir o número de accidentes viarios entre os mozos/as nos que interveñen o alcohol e outras drogas.
• Promover actitudes e conductas máis seguras e responsábeis na conducción de vehículos entre a poboación que se está a preparar para obter o permiso de circulación nas autoescolas.
• Incrementar a percepción do risco asociada á conducción de vehículos baixo os efectos do alcohol ou drogas.











