Sergio Vallejo e Cristian Silva disputarán as finais do Campionato de Mundo júnior en Szeged
Sergio Vallejo e Cristian Silva disputarán as finais do Campionato de Mundo júnior que se disputa na localidade húngara de Szeged. O primeiro deles competirá en C-1 1.000 metros, mentres o segundo farao en K-2 1.000 metros xunto ao asturiano Pedro Vázquez. O resto de padexeiros galegos estrearase na competición este venres. O Campionato do Mundo júnior e sub-23 prolongarase até o domingo.
Sergio Vallejo confirmou unha vez máis que é unha das grandes promesas do piragüismo galego. Gañou na fase previa e foi terceiro na semifinal, polo que logrou o seu obxectivo de estar presente na regata decisiva do C-1 1.000 metros. Os prognósticos mesmo o colocan como un dos candidatos a lograr unha medalla.
Cristian Silva tamén tivo unha boa actuación, xa que xunto ao asturiano Pedro Vázquez clasificáronse para a final en K-2 1.000 metros, tamén dentro da categoría júnior. Por tanto, dous galegos loitarán por conquistar unha medalla nesta categoría.
O resto de galegos estrearase este venres na competición. Adrián Sieiro, Cristina Noya, Camila Aldana Morrison, Raquel da Costa e Rubén Millán conforman a representación autonómica. O Campionato do Mundo terminará o domingo.











