Segunda quenda dos campamentos de verán en Caión
A localidade de Caión está a acoller a segunda quenda dos campamentos de verán que organiza o Concello da Laracha no marco do programa de actividades que se ofertan durante as vacacións escolares.
Nesta semana, de luns a venres, están a participar corenta e cinco rapaces de idades comprendidas entre os doce e os quince anos. Na semana pasada esta mesma actividade foi dirixida a nenos de oito a once anos, cubríndose a totalidade das cincuenta prazas dispoñibles.
O programa semanal inclúe diversas actividades ludo-recreativas a realizar na vila costeira, así como saídas ao parque acuático de Cerceda e a xornada multiaventura na localidade de Porto de Mouros.
Ademais, aproveitando a presenza da bandeira e sendeiro azuis na praia e no paseo marítimo de Caión, tamén está programado o desenvolvemento de actividades relacionadas co respecto á natureza e ao entorno, entre as que cabe salientar unha ruta de sendeirismo pola costa na que se explican as características do litoral caionés e obradoiros relacionados con temática medioambiental.
Desde o luns a ata o venres a xornada comeza ás 10.00 horas coa saída do autobús da Praza do Concello, sendo o regreso ás 18.00 horas. O Concello da Laracha asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se levan a cabo en Caión.











