Santiago e 14 cidades de España, Francia e Portugal asinarán o convenio marco do Camiño Cultural Atlántico
A concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, desprazarase este martes a Bilbao para asinar o convenio marco do Camiño Cultural Atlántico, concibido como unha ruta costeira entre o sueste de Francia, Norte de España e Norte de Portugal no que se integrarán 15 cidades: Burdeos, Bayona, Biarritz, San Sebastián, Bilbao, Santander, Gijón, Oviedo, Avilés, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Braga, Gimaraes e Porto. Trátase dun corredor costeiro que concentra cidades con infraestruturas culturais, patrimonio e programacións culturais de primeiro nivel. Esta ruta costeira, que terá personalidade propia, contará cun gran potencial para posicionarse a nivel internacional como espazo de referencia dentro de Europa vinculado aos itinerarios culturais e turísticos.
Desta forma, as cidades adheridas ao Camiño Cultural Atlántico, entre elas Santiago, traballarán de forma conxunta en iniciativas de promoción e en proxectos comúns culturais de carácter internacional.
O convenio non leva consigo obrigas económicas para as cidades participantes, que só colaborarán naquelas actividades nas que acorden participar. Obxectivo fundamental deste acordo é optar tamén a fondos europeos para programas transnacionais.
Este proxecto veu xerándose dende o pasado ano 2013 con diferentes reunións que tiveron lugar en Santander, Oviedo e Gijón, e a través de conversacións entre os alcaldes das cidades que agora se integran neste Camiño Cultural Atlántico.











