San Sadurniño reforzará con dúas persoas máis o departamento de obras durante tres meses
San Sadurniño acolleuse á convocatoria da Deputación da Coruña para a contratación temporal de persoas desempregadas como apoio á cuadrilla de obras e servizos municipais. O programa permitirá darlle traballo a tempo parcial a un oficial de 2ª en albanelería e a un peón durante tres meses. O proceso selectivo estase facendo sobre un listado de aspirantes enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Un tribunal formado exclusivamente por persoal municipal puntuará as circunstancias persoais en que se atopen -tempo no paro, ter esgotado as prestacións, etc.-, pero tamén entrevistará ás persoas con maiores puntuacións. As entrevistas están fixadas para este xoves a partir das 13 horas.
San Sadurniño obtivo unha axuda de case 8.000 euros dentro do programa provincial para o finanzamento de cuadrillas de obras e servizos mínimos municipais, dirixido aos concellos da Coruña con menos de 20.000 habitantes. Os cartos non son moitos pero dán para contratar a dúas persoas durante un periodo de tres meses e cunha xornada laboral de 25 horas semanais. O seu traballo será o de reforzar o departamento de obras na realización de tarefas de mantemento das infraestruturas municipais, como poden ser pequenas reparacións ou o mantemento do mobiliario urbano.
O Concello solicituoulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia o envío dun listado de persoas inscritas na súa base de datos coas categorías de oficiais de 2ª en albanelería e de peón de obras públicas. A todas elas outorgaránselle ata un máximo de 6 puntos se pertencen a colectivos con especial dificultade de inserción laboral. Neste apartado valóranse cinco epígrafes acumulativos: ser menor de 30 anos ou maior de 45, ter unha discapacidade mínima do 33 por cento que non impida o desempeño das funcións do posto, levar máis dun ano de alta como desempregado/a ou ter esgotado as prestacións ou subsidios por desemprego.
As seis persoas -tres por cada posto- que obteñan mellor puntuación pasarán á fase da entrevista, onde un tribunal formado por traballadores do Concello lles formulará varias preguntas sobre o coñecemento do posto, así como sobre a realidade e xeografía municipal. Nesta fase tamén poderán obterse 6 puntos como máximo.
As entrevistas faranse este xoves a partir das 13.00h. na Casa do Concello e agárdase que as persoas seleccionadas poidan empezar a traballar nos primeiros días de agosto.











