San Sadurniño prepara un programa de conciliación para setembro
O éxito da Aldea de verán levou ao Concello a organizar unha nova proposta lúdica e educativa para os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que se desenvolverá a primeira semana de setembro. “Setembro Concilia” abrirá o prazo de inscrición do 4 ao 22 de agosto e as prazas concederanse por orde de solicitude.
A actividade comezará o luns 1 de setembro e prolongarase até o venres 5, xa que a mediados da semana seguinte xa comezará a escola. Está dirixida a nenas e nenos cunha idade comprendida entre 3 e 12 anos. Terán preferencia as familias empadroadas no Concello de San Sadurniño ou aquelas que, aínda estando empadroadas noutro concello, poidan acreditar mediante certificado de empresa unha vinculación laboral co noso municipio. Os prezos son de 20 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 13 polo segundo e 6 euros polo terceiro e sucesivos.
Para “Setembro Concilia” ofrécense entre 10 e 12 prazas en función das idades recollidas nas inscricións e a actividade levarase a cabo sempre e cando se cubra a totalidade do cupo ofertado. O horario vai das 9.30 ás 14.00 horas. Tempo no que os cativos e cativas xogarán e aprenderán dun xeito diferente: o luns terán un obradoiro de manualidades e outro de animación á lectura, o martes xogos deportivos e piscina, o mércores un obradoiro de globoflexia e unha saída pola beira do río e a horta de froiteiras do país, o xoves aprenderán algo de cociña e practicarán coas novas tecnoloxías e, por último, o venres farán construcións con materiais de refugallo e gozarán dunha actividade sorpresa para a despedida. Ademais, os cinco días rematarán a mañá con media hora de xogo libre.
“Setembro Concilia” desenvolverase principalmente nas instalacións da casa da Cultura e no programa participarán a axente de igualdade, a educadora familiar, a bibliotecaria, a técnica de deportes, a da rede CeMIT e persoal doutros departamentos municipais.
As familias deberán cubrir a ficha de inscrición na actividade e xuntar á solicitude a autorización asinada conforme o modelo achegado polo Concello, así como certa información sobre a saúde do neno ou nena. O prazo de inscrición remata o 22 de agosto e cómpre sinalar que as familias non poderán pagar no momento da inscrición, senón que deberán agardar a que se lles confirmen as prazas.











