San Sadurniño prepara novas intervencións na rede viaria municipal cun investimento global próximo aos 350.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Plan de Obras e Servizos deste 2014 está xa en marcha en San Sadurniño. Son seis obras por un importe total de 133.500 euros para mellorar a seguidade do tráfico e tamén dos viandantes, xa que ademais de arranxar pistas estanse construíndo dúas sendas peonís, unha en Santa Mariña e outra en Lamas. O inicio das obras do POS cadra coa habilitación de novas partidas no orzamento municipal que suman outros 212.000 euros e que tamén irán parar á rede viaria. A suma supón que nas próximas semanas San Sadurniño terá en marcha -ou finalizadas- obras por valor de 347.000 euros. Unha contía “destacable” que desde o goberno local se cualifica como “dinamizadora” do emprego no ámbito da obra pública na comarca.

As obras do POS marchan a bo ritmo e nalgúns casos, como na pista entre A Longra e Riolimpo (Naraío), xa están rematadas. Entre A Camba e Felgosa e desde Ramil até A Camba tamén se está traballando, aínda que de momento só se taparon algúns baches e se limparon as cunetas á espera de que nestes días se lle bote ao firme unha nova capa de asfalto. Destes traballos encárganse as empresas José Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. e BEGASUCEGSA. Supoñen un investimento superior aos 82.000 euros e o arranxo de case 4 quilómetros da rede viaria municipal.

Por outra banda, no paquete do POS tamén van incluídas dúas sendas peonís. A de máis lonxitude farase no lugar de Vilachá, en Santa Mariña do Monte, sobre un trazado por ambas marxes da estrada que, nun dos lados, cubrirá case medio quilómetro de percorrido. A outra senda está xa case lista e discorre por unha banda da pista do Chao de Lamas cunha distancia de 160 metros. Nestas dúas infraestruturas invístense arredor de 52.000 euros e levarán aparellada a canalización de augas pluviais por medio de arquetas e conducións soterradas. Excavaciones Saavedra y López, S.L. é quen resultou adxudicataria da obra.

212.000 euros para máis reparacións
Desde o goberno local sinálase que estas non serán as únicas intervencións, xa que no último pleno aprobouse por unanimidade incrementar as partidas do Capítulo VI do orzamento municipal en case 212.000 euros. O 70 por cento destes cartos veñen do DTC provincial, mentres que o 30 por cento restante, uns 63.000 euros, resultan do balance positivo das contas municipais do ano pasado.

En calquera caso, trátase de contías que se van dedicar ao mantemento das estradas públicas. Así, 149.900 euros irán parar ao aglomerado da pista entre a Vidueda e O Chao, en Naraío, que recolle grande parte do tráfico desta parroquia -e tamén de Igrexafeita- cara ao centro urbano. Esta actuación está vinculada ás demandas veciñais formuladas durante as xuntanzas do Orzamento Participativo. 

No pleno en que se aprobou o aumento do orzamento municipal tamén se explicou que os 63.000 euros restantes se investirán en rebacheos e pequenas reparacións en distintos puntos, dentro dun programa específico de reposición da infraestrutura viaria para o que xa se están preparando os proxectos específicos.

Desde o goberno local, a titular de Obras, Amparo Calvo, destaca “o alto nivel de investimento municipal no mantemento das pistas e estradas públicas”, cifrado en 347.000 euros cos proxectos postos en marcha e os que se executarán en breve. Porén, ademais de “conservar a rede viaria no mellor estado posible”, para a concelleira é “tanto ou máis importante” a contibución que desde San Sadurniño se está “dinamizando o mantemento e creación de postos de traballo na comarca no ámbito da obra pública, case paralizada nos últimos anos polos recortes nas distintas administracións”. 

A este respecto, Secundino García lembrou que o Concello de San Sadurniño “é dos poucos da zona que emprendeu proxectos de nova execución. Mentres que noutros municipios a actividade se limita a conservación, aquí apostamos polo investimento en infraestruturas e servizos de nova creación como xeito de dinamizar a economía”. 

11 de xullo de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.