San Sadurniño expón ao público os padróns fiscais dos sumidoiros, dos vaos e do lixo
O Boletín Oficial da Provincia deste luns publica o anuncio de exposición pública e aprobación dos padróns fiscais deste ano correspondentes a tres taxas municipais: a da rede de sumidoiros, a da recollida do lixo e a que se paga por ter un vao para entrar ou saír dun garaxe. Os padróns poderán consultarse no Concello durante 15 días hábiles, contados desde o día seguinte á data de publicación.
A Xunta de Goberno Local acordou aprobar os padróns cobratorios das taxas correspondentes a rede de sumidoiros, recollida de lixo e entrada e saída de vehículos polas beirarrúas correspondentes ao exercicio 2014. De acordo co disposto no artigo 124 da Lei xeral tributaria e no 88 do Regulamento xeral de recadación, hai que someter os estes padróns a información pública polo prazo de quince días hábiles para que calquera persoa interesada poida consultalos e presentar reclamacións se os seus datos son incorrectos.
A publicación do anuncio no BOP ten o mesmo efecto ca unha notificación colectiva. Por iso non está de máis revisar a información que ten a administración sobre nós como “suxeitos pasivos” e solicitar dentro de prazo as correccións que sexan necesarias. Se non hai reclamacións, os padróns quedarán aprobados con carácter definitivo ao remate a exposición pública.
O lixo mantense malia o canon de SOGAMA
Os padróns fiscais son só un listado das persoas que deben pagar taxas ou impostos por determinados servizos municipais. O que se paga e as condicións están regulados mediante ordenanzas fiscais que marcan un prezo inicial que logo se vai actualizando ano a ano segundo o IPC.
No caso do lixo este ano SOGAMA incrementoulle aos concellos un 33 por cento o prezo do tratamento dos residuos urbanos. Hai municipios que decidiron trasladarlle esa suba á cidadanía, pero tamén hai casos coma o de San Sadurniño, que mantén o lixo como estaba previsto na ordenanza mentres lle bota un pulso a SOGAMA.
O do pulso non é cuestión de peito nin de valentía, senón de interpretación dunha cláusula do contrato asinado coa empresa semipública en 2004, onde se especifica que o prezo do lixo só poderá subir o que marque o IPC. En virtude deste contrato -e dos informes xurídicos favorables- o Concello xa lle devolveu a SOGAMA tres facturas (marzo, abril e xuño), ao tempo que insta á empresa a que emita outras novas segundo as condicións acordadas hai dez anos. O canon incrementa en arredor de 900 euros o que San Sadurniño lle tería que pagar a SOGAMA cada mes.











