San Sadurniño destina 91.000 euros ao apoio da cultura, o deporte e a educación
A última sesión da Xunta de goberno local deulle o visto e prace á proposta de distribución das axudas para cultura e deportes da convocatoria de 2014. En total son 11.500 euros para actividades culturais e 5.500 para deportes, ademais dos 2.000 euros que percibirán O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita para o mantemento das súas instalacións. Porén a contía destinada a axudas para a veciñanza é aínda maior se se conta a colaboración coas comisións de festas, os convenios puntuais suscritos con entidades do municipio, as bolsas de estudo e as destinadas a servizos de conciliación. En total San Sadurniño dedica a este apartado un montante global de 91.000 euros.
Para a concesión de axudas á cultura e ao deporte establecéronse 11 criterios de puntuación acumulativa nos que se valoraron, entre outros aspectos, o interese xeral das actividades, o grao de innovación das propostas, a súa contía orzamentaria e, como novidade, que fosen accións promotoras da igualdade entre mulleres e homes.
Non se rexeitou ningunha das solicitudes presentadas a través desta liña, de maneira que no apartado de cultura a A.VV. Xuntanza de Lamas percibirá 1.634 euros, O Pico de Ferreira 1.184, a Confraría de San Pipote 1.649 euros, O Castelo de Narahío 3.209, Adiante de Igrexafeita 1.394 euros, a ACD Santa Mariña do Monte 1.229, a Asociación Brío 900 euros e os Cabaleiros de Santa Mariña 300.
A XGL tamén acordou a concesión de 1.000 euros para O Castelo de Narahío e outros tantos para Adiante como contribución aos gastos de mantemento, infraestruturas e equipamento dos seus locais.
Por outra banda, no apartado de actividade deportiva a UDC Naraío percibirá 2.300 euros, o Clube de fútbol sala de Santa Mariña do Monte 625 euros e a Sociedade de Caza Naraío-Igrexafeita 900.
Para cobrar as axudas as entidades terán que presentar a documentación xustificativa o 30 de novembro como moi tarde. Iso si, se teñen algunha actividade programada para despois desa data poderán solicitar unha prórroga. Nun caso parecido están as comisións de festas, só que elas teñen todo o ano para pedir as axudas. O Concello reservou 3.000 euros -300 euros de axuda máxima por comisión- e terán que presentar a solicitude, ao máis tardar, un mes antes da festa que vaian organizar.
Nesta convocatoria de 2014 as asociacións solicitaron a través do Consello de Participación Veciñal que se modificasen os requisitos de xustificación para simplificar o procedemento. Así, para obter as axudas terán que presentarse facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade preparou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros).
91.000 euros en axudas
Xunto coas subvencións para actividades culturais e deportivas, o Concello mantén no seu orzamento outras liñas de colaboración tanto coas entidades como coa cidadanía. Así, este ano reservou 34.000 euros para convenios co C.F. San Sadurniño, o Aldebarán de volei e o clube ciclista Biela e Chaveta de cara ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello. Esta cifra incrementouse recentemente cos 10.000 euros que o Pleno aprobou destinar á mellora do local da UDC Narahío, onde se están construíndo uns novos aseos.
O Concello tamén suscribiu un acordo de 1.000 euros coa AGFA do Eume para o mantemento da horta de froiteiras. Coa ANPA do CPI asinouse un convenio de 4.000 euros para o finanzamento de actividades extraescolares e, por outra banda, mantense a reserva orzamentaria de 20.000 euros co obxecto de conceder bolsas de estudo e de subvencionar servizos de conciliación. 15.000 son para estudos, 2.000 para casos de emerxencia social e os 3.000 restantes para servizos de conciliación. Cómpre lembrar que o prazo para solicitar estas últimas axudas -as de conciliación- está aberto ata o 15 de novembro.
Botando contas, San Sadurniño dedica neste 2014 un total de 91.000 euros a apoiar a través de distintas fórmulas a cultura, o deporte e a educación. Unha cantidade que, segundo o goberno local, supón “a ratio por habitante máis elevada de toda a comarca e unha das máis altas de Galicia.”











