San Sadurniño bótalle unha man á mocidade co programa Garantía Xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan SadurniñoXuventude
A-
A+

A Garantía Xuvenil é unha iniciativa europea que pretende facilitar o acceso da mocidade menor de 25 anos ao mercado de traballo. En España enmárcase na estratexia de “Emprendimiento Joven” aprobada en febreiro de 2013 polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. A Recomendación europea sobre a Garantía Xuvenil establece que os mozos menores de 25 anos poidan recibir unha oferta de emprego, de educación ou formación tras finalizar os seus estudos ou quedar desempregados. Para obter máis información ou axuda no proceso de inscrición, os mozos e mozas que teñan interese poden acudir á Oficina de Orientación Laboral ata o 25 de xullo ou a partir do 18 de agosto.

Para beneficiarse da Garantía Xuvenil hai que cumprir varios requisitos. O primeiro é que cómpre ter nacionalidade española ou dalgún país da Unión. Este requisito é aplicable tamén a calquera persoa dos Estados parte do Acordo Económico Europeo ou de Suíza que se atopen en España en exercicio da libre circulación e residencia. Tamén poderán inscribirse os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español que habilite para traballar. Ademais tamén será obrigatorio estar empadroado en calquera localidade do territorio estatall.

Outra condición é a idade. Para participar hai que ter máis de 16 anos e menos de 25, ou menos de 30 anos no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, no momento de solicitar a inscrición no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Este programa vai dirixido a persoas novas que quedasen no paro ou que nunca traballasen. Por iso o acceso está condicionado polos cursos que se recibisen recentemente ou por ter traballado no último mes anterior á solicitude. Desta maneira, é requisito importante non ter tido un contrato nos 30 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude. Tampouco se poden ter recibido accións educativas que leven máis de 40 horas mensuais nos 90 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude. Tampouco se poderá ter participado en accións formativas -cursos coma os que ofrecen a SEPE ou a Xunta- que leven máis de 40 horas mensuais nos 30 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude.

Se se cumpren todas estas esixencias haberá que presentar unha declaración expresa de ter interese en participar no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, adquirindo un compromiso de participación activa nas actuacións que se desenvolvan no marco da Garantía Xuvenil. 

Todos os trámites de alta poden facerse a través da web da Garantía Xuvenil. Porén, a Oficina de Orientación Laboral de San Sadurniño tamén ofrece información e axuda no proceso de solicitude. Iso si, cómpre ter en conta que a oficina pechará o 25 de xullo por vacacións e que volverá abrir o 18 de agosto. Este servizo encóntrase situado ao pé do salón de plenos do Concello e a el pode accederse desde o patio interior ou desde os xardíns.

15 de xullo de 2014 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.